Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As nosas noiteboas

    CONTAMOS con moitas tradicións asociadas ás festas natalicias. Algunhas sobreviven, tal cal, desde hai séculos. Outras vanse desvirtuando e ignoran que se celebra o nacemento de Xesús. Hainas que perviven, malia esquecermos a súa orixe como o porqué de cear coliflor con bacallau; outras vense substituídas por costumes foráneos como o Papá Noel; hainas xa desaparecidas ou a piques de desaparecer como o tizón de Nadal e unha manchea en proceso de recuperación como o Apalpador, as Panxoliñas ou os cantos de Reis.

    Eu lembro con especial agarimo as noiteboas da miña infancia pois durante moitos anos, na miña casa, esta noite familiar por excelencia cobraba todo o seu sentido cando meu pai se botaba a cantar unha extensa panxoliña –aquí resúmoa– que xa cantaba o pai de seu pai e que os demais acompañabamos facendo soar as culleres, rascando cunchas de vieiras e a botella de anís El Mono que adoitaba vir no aguinaldo de meu pai:

    “Esta noite é Noiteboa, noite de ghrande aleghría, camiñando vai José e mais a Virgen María. Tanto camiñan de noite como camiñan de día por ver se a Belén chegan con día. Cando a Belén chegharon, xa toda a xente durmía. Chamaron todas as portas e ninghunha se lles abría. As portas eran de ferro, non se abrían ata o día (...) Preguntoulle o padre eterno como quedaba a parida. A parida queda ben nunhas pallas recollida (...). Aí lles vai a despedida, metida nunha rosquilla. Para que moitos anos viva vostede e a súa familia...”.

    Despois deste entrante, ceabamos e aínda ceamos, coliflor con bacallau, que ten a orixe en que este período se caracterizaba por ser época de abstinencia. Hogano, cambiouche moito o conto e as ceas son realmente pantagruélicas na maioría das casas. E que podo dicir do tizón de Nadal? Pois é unha desas tradicións case desaparecidas, común tamén a outros pobos de Europa e que compartimos, por exemplo, con asturianos –onde a queren recuperar– e cataláns.

    Na Noiteboa limpábase ben a lareira, que simbolizaba a destrución do vello para dar paso ao novo, e prendíase un bo tronco, o tizón de Nadal, que permanecía aceso ata o Aninovo (nalgúns lugares prendíano un chisco todo o ano). Despois, deixábase morrer o lume e conservábase, como elemento protector, acendéndoo nas treboadas ou cando se prevía unha desgraza na casa.

    Xa só faltan os agasallos de Nadal que traía, nalgunhas zonas, o Apalpador pero que miña irmá e eu descoñeciamos. Nós tiñamos que agardar á longa noite de Reis. Pero esta historia queda para outro artigo.

    04 ene 2021 / 19:39
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito