Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As secas de onte, hoxe e mañá

A seca que está a preocupar seriamente a unha boa parte de Galicia lembraríannos, por nada que fagamos algo de memoria, os problemas que tivemos que aturar no ano 2017 e outros máis das útimas décadas, de tal xeito que a sensación que estamos a vivir é de que camiñamos cara a un clima no que as precipitacións son cada vez máis escasas, as colleitas esmorecen e mesmo a auga para o noso uso diario témola que comezar a racionar. A idea dominante é que o Cambio Climático está detrás destes fenómenos e que a nosa terra, tradicional e teimudamente verde, está a amosar xa os sinais dunha aridez en aumento.

Pero foi sempre así? Do pouco que coñecemos da nosa história climática, podemos afirmar que as secas estiveron sempre presentes en Galicia, cando menos desde que temos testemuños documentais, como son, p.e., as rogativas ad petendam pluviam que as organizaba a Igrexa cando a falla de auga comezaba a xerar problemas, sobre todo na agricultura. Fernández Cortizo, da USC, (2016) nun estudo realizado durante o período 1675-1774 sobre rogativas relativas ás incidencias climáticas, atopa que as inducidas polas secas supoñían o 31% do total en Pontevedra, o 24% en Santiago e o 15% en Mondoñedo, o que nos indicaría que este problema xa estaba claramente presente nesa época e que mesmo estaban a reflectir, xa daquela, as diferenzas climáticas que na actualidade atopamos entre o sur e o norte do país.

Hoxe non temos rogativas (aínda que o arcebispo de Sevilla as invocou durante a seca do 2017) pero si temos, desde finais do século XIX, unha consistente rede de medidas meteorolóxicas e desde comezos do XX, de caudais, as cales nos permiten facer un seguimento científico desas secas que xa lles preocupaban aos nosos paisanos hai máis de douscentos anos e os botaban ás rúas detrás dos cregos para implorar o favor da Virxe da O en Pontevedra, do Rosario e Santa Susana en Santiago, ou dos Remedios en Mondoñedo.

No século XX houbo importantes secas (como as de 1921, 1935, 1971, 1983 ou 1993), pero as tendencias plurianuais non eran aínda demasido claras. Mais unha vez comezado o século actual, os diferentes índices para o seu cálculo están a mostrar unha perigosa deriva cara a anos cada vez máis secos. De feito, nese período de tempo na Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectáronse xa catro anos hidrolóxicos cualificados como “extremadamente secos”, co seu máximo expoñente en 2017.

Na actualidade, a finais deste primeiro decenio de xullo, todo apunta a que se unhas cada vez máis improbables precipitacións de verán non o remedian, nos estariamos a achegar cara a unhas condicións moi semellantes ás dese fatídico ano.

Que se pode facer diante destas perspectivas? Desde logo, seguir en primeiro lugar as recomendacións que insistentemente nos están a facer chegar as administracións, relativas a medidas de aforro deste recurso nas nosas casas, poboacións e industrias, que dependen maioritariamente de sistemas de captación deseñados, non sempre coa necesaria xenerosidade, para un determinado nivel de consumos. Aínda así, estaríamos a falar de 311 hectómetros cúbicos ao ano (Huella hídrica de España, Ministerio MARM, 2011), que suporían só o 5% do total dos nosos recursos hídricos, mentres que a agricultura sería responsable de 2.159, a gandería de 1.574 e a silvicultura de 2.445.

Nestes sectores dos que depende, como é evidente, a maioría da nosa demanda hídrica, as intervencións posibles, van ser moi problemáticas e complexas. En primeiro lugar, deberán de facerse sempre tendo en conta as perspectivas a longo prazo, para as que non se pode esquecer que as previsións derivadas do cambio climático nos están a falar de incrementos das secas para a metade deste século, de entre o 5 e o 10%. E, sobre todo, que o sector agrogandeiro dos que maioritariamente van depender, ten unha especial sensibilidade e fraxilidade, polo que deberían ser prioritarias sempre medidas que non afectasen a viabilidade desas explotacións.

En resumo, como todas as intervencións que nos está a esixir a problemática ambiental actual, nas que se debe conxugar a protección da natureza co mantemento dos niveis de benestar conqueridos, o fundamental deberá ser sempre o respecto polos dereitos e necesidades dos máis débiles, así como un reparto máis xusto das cargas e beneficios que estas accións sempre levan consigo.

08 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito