Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ás veces toca ser aburridos, cautos e moi previsibles

    POR desgraza ou sorte, son todas estas cousas, así que volvín repasar os artigos 9.3 da Constitución, que garante a irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais, e o artigo 2.2 do Código Penal, que outorga efecto retroactivo a aquelas leis penais que favorezan ao reo, aínda que ao entrar en vigor xa houbese sentenza firme e aquel estivese cumprindo condena.

    Logo, que significan? Pois que tanto a Constitución como o Código Penal autorizan a revisión de penas cando unha nova lei sexa máis beneficiosa para o reo. E a chamada na rúa “Lei do Sí es Sí” non deixa de ser unha lei coma calquera outra. Nunha Democracia madura, saben isto ata os de “parvulitos”.

    É certo que nestes últimos días a Fiscalía Xeral do Estado emitía un decreto dicindo outra cousa, a non revisión das condenas firmes cando a pena imposta en sentenza puidese selo de acordo co marco legal resultante da reforma. Mais a propia fiscalía indicaba algo fundamental: a análise individual de cada asunto e a valoración das concretas circunstancias de cada caso.

    E que pinta a fiscalía nunha sala penal de Xustiza? Pois é un actor máis, ao mesmo nível que a defensa ou outras posibles acusacións. É dicir, a súa petición non ten un plus. E por que? Porque os que van decidir (que para iso está o Poder Xudicial e menos mal) son os tribunais, en última instancia o Tribunal Supremo.

    Eses que hai xente que afirma que están compostos por fachas e machistas, eses que xa son algo máis que vagos e burros, como di un amigo meu que se adica “a la cosa”.

    Ocorreu que na primeira petición de revisión de condena pola nova lei, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia concluíu basear a revisión das sentenzas xa firmes nos artigos antes ditos, atendendo ás circunstancias de cada caso cun ponderado análise sobre en que medida favorece ao reo a nova lei. E, sobre todo, atendendo á chamada voluntas legis –a vontade da lei– e non á voluntas legislatoris –ou vontade do lexislador, que quizais se debería ter esmerado bastante máis na súa redacción–. Porque os tribunais só están sometidos ao imperio da lei. Sábeno ata os de parvulitos.

    Ah! E modificar agora a norma, aumentando os tempos mínimo e/ou máximo das penas non vai impedir a revisión. Porque a lei máis favorable no caso concreto vaise seguir aplicando aos asuntos precedentes, de maneira que a posible nova lei só se aplicaría a feitos novos. En definitiva, ata os de parvulitos.

    14 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.