Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ata sempre, Basilio, mestre e amigo

    O pasado sábado 9 de xullo escribía eu neste recuncho a propósito dos vinte e cinco anos da defensa da miña tese de doutoramento. Por unha desas ironías da vida, ese mesmo día finaba en Barcelona quen ma dirixiu, Basilio Losada Castro. Naquel artigo eu falaba da relación que tiven con Basilio durante unha chea de anos. Unha relación de mestre e discípulo que desde o comezo foi de amizade cómplice.

    A derradeira vez que coincidimos foi por casualidade na semana santa de 2007. Coa miña muller estabamos en Pedrafita do Cebreiro despois dun recorrido por Pobra de Sanabria, Bragança e Celanova. No Cebreiro fixemos parada para cear –quedáramos cuns amigos da miña muller, do Barco de Valdeorras- e durmir. Estabamos a tomar algo cando ao mesmo local chegou un grupo que estaba a facer o Camiño a Santiago, guiado por Basilio Losada. A sorpresa e mais a alegría do casual reencontro foi mutua.

    Non tivera relación en persoa despois por eses azares da vida e, pola miña parte, por non alterar a súa xubilación, que tivera lugar en 2000, cando fixo setenta anos. Malia a miña condición de alumno cunha carreira académica excelente e os meus traballos de investigación, non fun invitado a participar no libro de homenaxe que a Universitat de Barcelona lle tributou. Comentei o asunto cos responsables da sección de filoloxías galega e portuguesa pero a resposta foi evasiva, como dando a entender que eu, por non ser profesor, non tiña nivel dabondo para figurar entre as persoas que lle tributaban a homenaxe. Malia tal circunstancia, asistín ao acto académico de despedida. Sen embargo, oh paradoxo, recibín a invitación para participar no libro de homenaxe a Xesús Alonso Montero cando se xubilou.

    Xa contei algunha vez como coñecín a Basilio Losada pero non está de máis lembralo. Un día de inverno de 1988 Camilo Nogueira tiña programada unha visita a Jordi Pujol no Palau de la Generalitat. Daquela presidía o PSG-Esquerda Galega e xa visitara Barcelona un meses antes, co gallo das primeiras eleccións ao Parlamento Europeo. En tanto que responsable de relacións exteriores de ENE, participara naqueles comicios na coalición Esquerda dos Pobos.

    Aquel día de 1988, sabendo que Camilo Nogueira chegaba a Barcelona a primeira hora da mañá, organizámoslle unha visita a Sabadell co alcalde, Antoni Farrés, un dos políticos máis singulares que tivo o municipalismo catalán. Quedamos en que o recollería á saída da visita con Pujol para ir cear despois.

    Foi daquela cando coñecín a Basilio Losada, que o acompañara pola vella relación de amizade e veciñanza que tiña co presidente catalán (as súas casas apenas distaban cen metros). Camilo presentoume e Basilio ficou sorprendido porque eu fixera mitins en galego, lingua que eu aprendera con lecturas despois de facer un curso en Barcelona. Preguntoume daquela se eu tiña pensado profundar no asunto e ante a miña perspectiva de retomar os estudos universitarios, deixados uns anos antes, invitoume a visitalo. Así o fixen e como era posible estudar filoloxía galega polas tardes, tomei a decisión de matricularme naquel outono.

    Tiven que esperar un curso para comezar a facer materias de especialidade pero a demora pagou a pena. Matriculado en literatura medieval galega e portuguesa e na duplicación que daba ás oito da mañá, con Basilio Losada e con Isabel de Riquer -que daba literatura medieval francesa e occitana- descubrín un mundo novo. Para remate de curso, había posibilidade de subir nota cun traballo e aceptei o reto –entre os temas propostos- de facelo sobre o cancioneiro de escarnio. Había daquela na UB un único exemplar da edición de Rodrigues Lapa que Basilio confiou nas miñas mans e que, unha vez fotocopiado, devolvinllo axiña e enteiro.

    Non o tiven máis de profesor pero se foi forxando unha amizade de faladoiros, confidencias e complicidades que desembocaron no meu proxecto de tese de doutoramento, que pasou a dirixir, dándome total confianza ao meu criterio. Foron uns anos nos que o Día das Letras se podía celebrar no Paraninfo, coa axuda da Xunta e da UB, o que dignificaba a literatura galega e facía que os emigrantes que asistían se sentisen orgullosos diso. E eu tamén.

    21 jul 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito