Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Audiencia nacional

    O artigo 117.5 da Constitución de 1978 di: “O principio de unidade xurisdicional é a base da organización e funcionamento dos tribunais”. O 117.6 di: “Prohíbense os tribunais de excepción”.

    A audiencia nacional encárgase de xulgar delitos que, baixo o seu criterio e os das autoridades xudiciais, afectan ao conxunto do Estado. Esta, en moitísimos casos, é unha escusa para xulgar á disidencia política coa Constitución de 1978.

    Existía, xa no franquismo, un tribunal que se ocupaba destes menesteres, que era o Tribunal de Orde Pública (TOP).

    A audiencia nacional veu recoller grande parte das funcións que tiña o TOP. Utilízase a existencia da audiencia nacional para xulgar casos de presunto terrorismo, como agora vai pasar a partir do día 19 deste mes de outubro con doce persoas relacionadas coas organizacións Causa Galiza e Ceivar.

    Neste caso a fiscalía pide para estes militantes de Causa Galiza e Ceivar unha pena global de 102 anos de prisión por un presunto delito de terrorismo.

    O presunto delito non é outra cousa que ter falado publicamente a favor do independentismo galego; un delito que se confunde moi facilmente co dereito á liberdade de expresión.

    Haberá que esperar o resultado deste xuízo para ver se os doce galegos que van ser xulgados pola audiencia nacional saen condenados en algún tema, e ver a canto tempo de prisión son condenados no caso de que isto suceda.

    Nunha democracia moderna e de calidade hai que ter moito tino en xulgar a disidencia política co sistema establecido. A democracia, o dereito á liberdade de expresión, vai xustamente protexer a disidencia para que poida expresar as súas opinións en público.

    Todos os que opinamos nos medios de comunicación; as propias empresas dos medios de comunicación, todos cantos falamos en público expresando o noso pensamento en voz alta estamos precisamente amparados polo artigo vinte da Constitución de 1978 que é o que trata da liberdade de expresión. Se en troques de estar defendidos polas autoridades do Estado por expresar publicamente as nosas ideas o que estamos é perseguidos polas autoridades xudiciais, iso non é precisamente o que marca a Constitución de 1978 nin o que marca o pensar e o sentir de un auténtico demócrata.

    Temos que ter moito tino con estes comportamentos institucionais; e temos que defender unha democracia plena onde, entre outras cousas, os tribunais sexan sempre os ordinarios.

    Esperemos que neste xuízo a membros de Causa Galiza e Ceivar non saia ninguén condenado. Se fose á inversa a audiencia nacional estaría a facerlle un fraco favor ao réxime de 1978, e podería quedar o Estado cun problema de credibilidade diante dos seus aliados europeos.

    18 oct 2020 / 00:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito