Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Augas de outono

REMATADO o outono o pasado 20 de decembro, non está de máis lembrar que cando esta estación comezaba, alá polo mes de setembro, todas as predicións apuntaban a que ía ser “seca”, polo que a falla de auga que xa estaba a padecer o país, seguiría a aumentar e levaría a situacións nas que este prezado elemento sería un ben cada vez máis escaso e cobizado. Felizmente non foi así, xa que os datos de Meteogalicia nos informan de que foi “moi húmido”, cunhas precipitacións un 40% máis elevadas do que sería normal para esta época. Algo do que todos nos felicitamos, a pesar das incomodidades dos moitos días con chuvia abondosa que estamos a soportar.

Habería, de todas maneiras, que facernos unha pregunta, que estimo inevitable: ata que punto son fiables estas predicións coas que sempre nos saúda a entrada dunha nova estación? Os avisos sobre o tempo que vai haber para un número non moi elevado de días son razoablemente satisfactorios, o mesmo que acontece cos prognósticos a moi longo prazo, no contexto do cambio climático.

Pola contra, nesta escala de tempo intermedia na que se desenvolven as estacións do ano, os resultados non son tan satisfactorios, a pesar de que nos últimos tempos se adiantou moito nos diferentes modelos que tentan simular o clima para só un número determinado de meses, como é o caso das estacións. Hai diversas avaliacións da súa fiabilidade, pero quizais unha das máis fáciles de entender é a de Weischmer A e Palmer TN (2014), que utiliza unha escala do 1 ao 5 para definir a predición “perfecta” (5), da absolutamente “inútil” (1). Para a nosa área, e para o caso das precipitacións, as avaliacións oscilan de 2 a 3, o que nos está a dicir que deixan bastante que desexar, polo que non debe estrañarnos que, como neste ano e en bastantes outros que houbo anteriormente, o axuste entre a realidade e as previsións non sexa todo o acertado que quixésemos.

Mentres os novos sistemas de predición estacional como o europeo HRES-IFS non consigan acadar a fiabilidade ansiada, quedaríanos a análise da evolución a longo prazo dos parámetros climáticos, que non resolve a cuestión de que tempo vai facer nun outono concreto, pero cando menos nos orienta cara ás tendencias plurianuais nun determinado período de tempo.

Este sería o caso da serie de precipitacións outonais desde o ano 1961 ata a actualidade que nos ofrece Meteogalicia nos seus periódicos informes estacionais. Nela pode observarse un certo carácter cíclico con dúas ondas: a primeira, con máximos de precipitación nos anos 1974 e 2003 e un mínimo no 1981, e unha segunda, na que estamos, cun mínimo no 2018 e unha fase ascendente para os últimos catro anos. Con este panorama a longo prazo, non se pode falar, polo momento, de tendencias claras cara ao futuro, polo que o máis sensato sería agardar que para os próximos anos os outonos no seu conxunto non variarán significativamente do seu comportamento tradicional.

Por todo o dito, estimo que deberiamos confiar en que as terras secas e sedentas que normalmente nos deparan os veráns, ao chegar os días outonais, volverían recibir puntuais a beizón das augas novas coas que retornarían á súa tradicional lentura e frescor. E tamén, que os camiños subterráneos da auga, por onde transcorre silandeira e agochada baixo o chan, se ocupen de novo, polo seu fluír cara aos pequenos pero numerosos acuíferos que salpican as fonduras desta terra.

Deles volverán revivir cara a un novo ciclo as fontes e mananciais que nutren de sonos e fartura as leiras e bosques das nosas contornas neses outonos galegos, nos que sempre as augas abondosas, xunto coas cores cálidas das árbores e os froitos maduros de vides e castiñeiros, conformarán a súa máis xenuína paisaxe. Augas de outono, que o inesquecible Uxío Novoneyra celebrou co seu singular verbo, no momento máxico en que agromaban con fartura por todos os recunchos do Courel:

“Ameteu o río. Ameteron as fontes /
I os fontegallos dos montes /Nace a auga a golforrón / regan os prados a cachón”.

27 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito