Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Balada de setembro

    COMO sempre volvo do meu veraneo “disperso e indocumentado”–diría García Márquez–, tardei en enterarme de que Cayetana xa non é a portavoz do grupo do PP no Congreso. Botárona. Pero unha muller coa súa intelixencia e coa “pompe de sa naissance” sempre lle tirará punta creativa a esta destitución cativa. Cayetana pode gañar a simpatía mesmo dun militante de ideoloxía contraria, pero nunca dun sectario.

    Á súa ausencia cando remata o verán hai que darlle un tratamento lírico, coma naquelas baladas da mocidade nas que september sempre rimaba con remember. Que bonitas eran aquelas cancións que historiaban o final dun amor de verán cando chegaba setembro. Pois en política ás veces tamén pasa. Remata agosto e quedamos na praia en soidade cantando coma Marie Laforêt ou o Dúo Dinámico: “El final del verano llegó y tú partirás”.

    Pero unha balada destas en política non se lle canta a calquera. Non se lle pode cantar no PP, un supoñer, a Celia Villalobos cando abandona o escano onde tanto xogou ao candy crush, nin sequera lla cantarás a Ana Pastor cando poña fin á eternidade do moito aburrimento ben asalariado que nos ten dado. Cayetana é outra cousa. Ela non é facha, senón facho. Ou sexa, luz. É luciferina pero só no sentido etimolóxico da palabra: portadora de claridade. E na política cada vez hai máis noite.

    Categoricamente, non creo que a muller política que hoxe necesitamos sexa da caste de Pastor de Pontevedra, nin de Montero de Galapagar, nin de Calvo de Cabra, porque no fondo son homes políticos do xénero feminino. Se don José Ortega y Gasset levantase a cabeza para escribir a segunda parte do seu ensaio Mirabeau sobre o arquetipo da muller política que precisamos nos nosos días, a súa atención non repararía nestas mulleres de aburrimento, senón nas féminas de entendemento. Só nos interesan mulleres que traian outra maneira de sentir a res publica.

    O que pasa é que ao machotismo dos partidos só lle gustan as “mujeres varonas”, como diría o vello Unamuno, tan amigo el da talla intelectual. Pero a don Miguel sempre haberá quen lle berre aquilo de “¡Muera la inteligencia!”.

    Aquí en política e mulleres aínda prima o emolumento para o aburrimento. Ese aburrimento pastoril, “mansurrón y lanar” (adxectivos orteguianos). O que necesitamos son mulleres que saiban detectar “a erosión de democracia” sobada polas mans viciosas de varóns e “varonas”. Mulleres que nos propoñan outro facer. E por aí anda e andará Cayetana, que tamén ten algún defecto: de vez en cando o cerebro sóbeselle á cabeza.

    12 sep 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.