Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bandeiras

    Algunha vez xa recoñecín neste recuncho o meu interese polas bandeiras (orixes, significado, simboloxía) pero asemade a pouca paixón que me esperta usalas. Sirva de exemplo que non lembro que nos domicilios que tiven nos últimos trinta anos puxese unha algunha vez: nin a catalá un 11 de setembro nin menos aínda unha estelada nos anos que levamos de proceso independentista.

    A única concesión –máis por cromatismo ca por outra cousa- é lucir no meu estudo unhas bandeiriñas, desas de mesa, de Xeorxia, coas súas cruces; de Gales, co seu dragón; e de Venecia, co seu león. E nunha casa que temos en terras oscenses da comarca dos Monegros, cando chegan as festas, unha bandeira aragonesa de medida estándar que mercamos hai uns anos nun bazar chinés de Alcañiz, e que axuda a neutralizar algo a nosa condición forasteira; pero sendo de apenas tránsito a rúa á que dá a fiestra na que a penduramos (o camiño ao cemiterio, no extremo sur da vila), o efecto resulta moi limitado.

    Pero malia esas circunstancias, non considero unha aldraxe que alguén queime unha bandeira para simbolizar a oposición a un país. E se acepto iso para as bandeiras alleas, de lóxica teño que aceptalo para aquelas que considere propias. Digo isto pola resolución que días atrás ditou o Tribunal Constitucional verbo da condena acordada por un xulgado ferrolán contra o sindicalista da CIG Pablo Fragoso, por chamar a queimar a bandeira española.

    Unha condena ditada en aplicación do artigo 543 do Código Penal, que establece multa de sete a doce meses por aldraxar de palabra, por escrito ou de feito a España e ás súas comunidades autónomas e aos seus símbolos ou emblemas. Sentencia –mellor dito: non aceptación de amparo verbo da sentencia ditada en Ferrol- que terá pouco recorrido á vista da xurisprudencia europea: hai dous anos o TEDH anulou unha sentencia contra uns independentistas cataláns por queimar fotos do rei Felipe VI ao considerar que tal acción quedaba protexida pola liberdade de expresión.

    Sorprende, en calquera caso, as limitacións que estableceu ese artigo do Código Penal (candidato a caer na seguinte revisión que se faga) por non incluír outras bandeiras oficiais, como son a da propia Unión Europea ou as dos concellos, poño por caso.

    Pero tamén sorprende que esa vontade de protección do lexislador non inclúa o uso partidista ou interesado das bandeiras derivadas da constitución vixente. Se ten condena queimar un anaco de tela, ¿non a merecería o uso das cores desa bandeira –en forma que se identifique coma tal- como vén de facer o goberno do concello de Madrid? Porque, ao cabo, non deixa de ser unha apropiación indebida e “non nacional” para unhas festas, como son as de Nadal.

    Ou pola mesma regra de tres, e se falamos de defensa da bandeira constitucional, debería estar penado o emprego doutras bandeiras que a substitúen, como sería o caso da bandeira coa aguia de San Xoán que usaba a ditadura (non só en manifestacións: velaí eses bares e restaurantes –como o Casa Olga, d’A Guarda- mantidos coma auténticos santuarios da nostalxia franquista). Amais, tal bandeira –a diferencia das que representan unha opción nacionalista ou independentista -como as estreladas galega e catalá ou a republicana tricolor- simboliza a negación mesma da democracia, base da todo sistema de liberdades.

    Sorprende esa ollada tan fina que algúns maxistrados teñen. ¿Tiveron a mesma cando algúns extremistas de dereita valencianos –nun acto de auténtico autoodio e de incultura- queimaron unha bandeira catalá (non independentista) en 2014?

    No fondo, queimar unha bandeira ou unha foto (coma recentemente fixeron moitos islamistas coa efixie de Emmanuel Macron) non é senón unha mostra de debilidade de ideas e de impotencia política. Ou de estreiteza mental, por conxurar nun anaco de tela ou papel a idea do inimigo convertido en diaño. E que cada quen sexa consciente dos seus límites: queimar unha bandeira independentista é negar unha opción partidista (aproveitando que non ten condición oficial) pero queimar unha bandeira catalá é negar un pobo. Pero tamén para iso está a liberdade.

    Joaquim Ventura

    23 dic 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito