Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Besteiro, xustiza sete anos despois

    A pasada semana deuse a coñecer o arquivo da última causa que tiña pendente José Ramón Gómez Besteiro por falta de evidencia xudicial para a súa investigación. Sete anos de persecución xudicial, que non se lle desexan a ninguén, nin ao maior adversario político. Alégrame moito que se poña fin a unha gran inxustiza.

    Unha actuación arbitraria por parte dunha xuíza, Pilar de Lara, que de forma absolutamente sesgada abriu fai máis de sete anos unha causa xeral contra Besteiro sen probas nin indicios de ningún tipo pero que triunfou mediáticamente asestándolle tamén un duro golpe ao PSdeG. Eran os tempos nos que triunfaba o populismo e a presunción de culpabilidade.

    E quen estivo daquela instigando a esta xuíza entregando escritos anónimos, se supón de procedencia descoñecida? Pois nin máis nin menos que a presidenta provincial do PP de Lugo e hoxe candidata á alcaldía da cidade das murallas, Elena Candia. Estes feitos non a inhabilitan xudicialmente, pero politicamente a retratan e deixan ver a súa catadura moral.

    Besteiro foi sometido a unha persecución xudicial instigada dende o PP, con acusacións falsas e escritos anónimos que agora quedan en evidencia. Quen repara o dano causado a Besteiro en sete anos? Quen repara o dano causado ao PSdeG?

    Si neste país un xuíz ou unha xuíza actúa deste xeito absolutamente impresentable non pasa nada? Vai a quedar impune este atropelo? Pode saír de rositas a xuíza De Lara?

    Preguntas que seguen sen resposta.

    Cando escoito ao señor Rueda falar de Besteiro vexo que ten mala conciencia cando o primeiro que terían que facer é pedir desculpas.

    A ninguén lle debera sorprender a alegría manifesta de tantos compañeiros e compañeiras socialistas que encheron as redes sociais coas súas mensaxes de apoio e recoñecemento a Besteiro, porque por riba da súa valía política está sobre todo a súa condición humana e a súa honestidade.

    “Besteiro estará onde queira estar” dicía nos pasados días o noso secretario xeral, Valentín González Formoso, recordando que “é un dos maiores activos políticos do PSdeG”, pero esa será xa outra historia, a de hoxe é recordar que unha persoa íntegra foi separada da vida pública por unha persecución xudicial instigada pola presidenta do PP de Lugo utilizando anónimos.

    29 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito