Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bolivia, transformacións con moita historia

    Hai medio século, o 22 de agosto de 1971, o xeneral Juan José Torres foi destituído en Bolivia por un golpe militar de dereita, e Hugo Banzer facíase cargo do governo do país co exclusivo respaldo do exército. Deste xeito remataba un curto período de mudanzas radicais alentadas por militares progresistas. Nos días previos ao golpe fixéronse mobilizacións populares de apoio ao governo, repartíronse armas entre os obreiros, e constituíuse unha cadea de emisoras de radio revolucionarias para manter informada á povoación. O 20 de agosto de 1971 unhas 50.000 persoas concentráronse na Praza Murillo, a máis simbólica da capital do país, La Paz, para amosar o apoio a Torres. Eran tempos nos que aínda eu vivía na emigración na Arxentina. Neste período en cuestión traballaba e estudaba, e militaba no galeguismo e nunha organización do país que se opuña a ditadura militar.

    Quero lembrar esta etapa da historia de Bolivia porque as veces pensase que as transformacións, os procesos de cambio, por exemplo o que se deu coa vitoria electoral de Evo Morales no ano 2006, e a recuperación do governo en 2021, despois do recuar do golpe de estado de 2019, foron consecuencia exclusiva da conxuntura. Mais, en realidade o povo boliviano ten por detrás unha longa historia de loita a prol da igualdade étnica, a xustiza social, a democracia e a soberanía nacional. Entre esas experiencias anteriores a última foi a do xeneral Torres, malia que duraría pouco tempo, dende outubro de 1970 ate agosto de 2021.

    Algúns datos respecto da realidade de Bolivia naquel intre. No ano 1970 a povoación era 4.931.000 habitantes, deles un 80% vivía na rexión andina, e un 54% se definía como indíxena, a cidade máis grande era La Paz con 530.000 persoas. Da povoación economicamente activa un 14,2% estaba no sector industrial, un 3,6% na minería, e un 58% na agricultura. As maiores exportacións eran o estaño e máis o petróleo, sendo os principais países receptores Reino Unido e Estados Unidos.

    O Juan Torres, nacido en 1920, sería nomeado en 1966 ministro de Traballo pola Xunta Militar de Governo presidida polo xeneral Alfredo Ovando Candía. Ao ano seguinte será xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, e de 1967 a 1969 exercerá o cargo de Secretario Permanente do Consello Supremo de Defensa Nacional. Nesta etapa Torres e un grupo de civís e militares deseñan unhas bases programáticas nacionalistas e de esquerdas que debería asumir o governo de Ovando. Neste período nacionalizouse a Bolivian Gulf Oil Company. En 1970 foi nomeado xefe das Forzas Armadas, representado a estas no governo de Ovando para que se executasen os seus mandatos.

    En outubro de 1970 unha insurrección popular evitou un golpe de estado para virar á dereita as políticas executadas polo Governo, polo que Torres asumiu a presidencia substituíndo a Ovando. No levantamento participaron traballadores/as, organizacións campesiñas, o movemento universitario, e o sector do exército leal a Torres. A COB (Central Obreira Boliviana), dirixida por Juan Lechin, non contribuíu a este xiro á esquerda, xogando unhas veces á oposición ultra esquerdista e outras á ambigüidade e a pasividade. Aínda así Torres acadou un importante respaldo popular, mesmo no movemento obreiro e nas bases da COB. As súas primeiras decisións foron repoñer os salarios dos mineiros e deixar en liberdade aos guerrilleiros presos en Camiri. Ademais aumentou de xeito significativo o orzamento para as universidades.

    En xaneiro de 1971 o governo tomou unha das medidas de maior contido revolucionario, ao deixar sen efecto a concesión que tiña a empresa norteamericana International Metal Processing Corporation, que pasou a formar parte da Corporación Minera de Bolivia. Outro tanto sucedeu coa empresa tamén norteamericana Minerals and Chemicals Phillips Corporation, que controlaba a mina Matilde. Estas decisións significaron a confrontación directa cos Estados Unidos, que impuxo un bloqueo económico, polo que Torres procurou a axuda soviética e doutros países do leste de Europa para canear o boicot de Washington.

    O Governo revolucionario tivo que facer fronte aos elementos dereitistas nas forzas armadas, polo que ao cumprir dous meses tivo que confrontar o primeiro intento subversivo, que tiña como cabeza ao coronel Hugo Banzer Suárez, comandante do Colexio Militar. Ao mesmo tempo o PRIN proclamou a loita armada como única alternativa en Bolivia e nomeou a Juan Lechin, o seu máximo dirixente (e tamén da COB) como xefe do levantamento. Estes ataques á dereita e esquerda foron debilitando ao governo, dando folgos ao golpe militar. Torres partiu cara o exilio, primeiro a Perú, logo a chile, e por ultimo á Arxentina. Neste último país sería secuestrado e asasinado en 1976 no marco do Plan Cóndor, que contaba coa colaboración das ditaduras de Bancer en Bolivia e Videla na Arxentina.

    Sen dúbida ningunha, Juan José Torres González foi un militar nacionalista que tomou decisións que daban pulo á soberanía nacional e popular, mais non contou co tempo necesario para realizar as transformacións económicas e sociais que Bolivia necesitaba. Aínda así, resulta evidente que o intentou e deixou semente.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    26 ago 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito