Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Brasil, de colonia a potencia en dous séculos

LULA da Silva será por terceira vez presidente do Brasil, unha potencia rexional, pola súa extensión, povoación e PIB, e que seguramente con el terá un papel máis destacado no concerto internacional (até onde chegarán os avances sociais?). Mais coido que ten interese lembrar un chisco da historia do país. Cando a familia real voltou a Lisboa, unha vez expulsas de Portugal as tropas de ocupación napoleónicas, o príncipe Don Pedro, rexente do Brasil, decidiu a independencia en setembro de 1822, hai agora dous séculos. Incidiu moito que Portugal limitase a Brasil o libre comercio, privilexiando os produtos da metrópole. Era “o regreso ao odioso exclusivismo colonial” (Historia de Portugal, coordinador Rui Ramos). Brasil tiña 2.800.000 habitantes libres e 1 millón de escravos.

No ano 1825 declárase o “Imperio do Brasil”, que terá na segunda metade do século XIX “o momento de maior transformación económica da historia brasileira”. A navegación fluvial sumaría uns 50.000 quilómetros de liñas de tráfico regular, e a rede telegráfica atinxiu 11.000 quilómetros, unindo as capitais dos estados e cidades máis importantes. Mais a finais do século, as contradicións eran moi fondas, entre elas as relativas á explotación laboral e á produtividade.

A esta altura a escravitude é considerada pola burguesía como un atranco, polo que será abolida no ano 1888, e substituída pola entrada masiva de emigrantes e o traballo asalariado, coa finalidade de aumentar a rendibilidade, sen poñer en perigo a gran propiedade rural. “O Imperio, cando en 1889 se extingue substituído pola República terá cuberto unha ampla e importante etapa da evolución económica” (Historia Económica do Brasil, de Caio Prado Junior).

As tensións do momento resólvense polas clases dominantes coa proclamación da República o 15 de novembro de 1889. Un golpe militar incruento derrocou ao emperador, Pedro II. Deodoro Fonseca, dirixente da revolta e heroe da guerra contra o Paraguai (1865-70) asumiu a presidencia provisional, porén manteríase no poder até que o fixo dimitir a presión militar. A povoación do país atinxía os 14 millóns no ano 1888, e a capital Rio de Janeiro tiña 522.651 habitantes en 1890.

Os artigos que dominaban as exportacións na década dos setenta eran o azucre e o algodón, mais no ano 1885 o café xa ocupaba o primeiro lugar. Isto implicou que “o centro económico brasileiro trasladouse do nordeste ao centro-sul do Brasil” así como o poder político (Historia del Movimiento Obrero: Brasil, de la esclavitud al golpe militar). A estrutura industrial nos primeiros anos da República era moi feble, con dominio da pequena empresa artesá, e só uns 54.000 obreiros.

No aspecto político, a Constitución de 1891 prevía eleccións directas, que foron adiadas a 1894, e aínda que se eliminan restricións da etapa monárquica outórgase o dereito de eleitor só aos que teñen determinado nivel de renda. Ademais, mantíñase o exercicio do voto con carácter aberto (non segredo) e, entre outras restricións, só votaban os homes alfabetizados, nunha época na que a povoación do país era maioritariamente analfabeta. Todo seguía ben atado, tal como amosou o proceso posterior, salvando as etapas de Getulio Vargas, Goulart, Lula e Dilma Rousseff...

Aínda que se fala moi pouco do tema, os vínculos da Galiza con Brasil sempre foron grandes, sendo despois da Arxentina unha das principais referencias emigratorias (os galegos/as formaron as numerosas colonias en Rio de Janeiro, Santos, São Paulo, Bahia, Belém de Pará, etc. –vexase a revista Vida Gallega–). Calcúlase que uns 300/350 mil galegos/as emigraron a Brasil entre finais do século XIX e mediados do XX.

13 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito