Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Calvino: xogo de caixas chinas

    A novela Se una notte d’inverno un viaggiatore de Italo Calvino, unha das figuras máis importantes do panorama cultural e literario italiano –nese momento a última, publicada no ano 1979–, causou gran conmoción porque nela Calvino utiliza unha técnica moi especial, a das caixas chinas, que lle permite ao lector unha posibilidade de ser un factor autorreferencial.

    Vexamos como empeza a novela: “Stai per cominciare a leggere il nuevo romanzo Se una notte d’inverno un viaggiatore di Italo Calvino. Rilassati. Raccoglieti. Allontana da te ogni altro pensiero. Lascia che il mondo che ti circonda sfumi nell’indistinto. La porta è meglio chiuderla; di là c’è sempre la televisione accesa. Dillo subito agli altri: “No, non voglio vedere la televisione!” e así continua: “Alza la voce, se non ti sentono: Sto leggendo! Non voglio essere disturbato!” Forse non ti hanno sentito, con tutto quel chiaso; dillo più forte, grida...” e segue aconsellándolle que escolla a posición máis cómoda: sentado, tombado, encollido, deitado...

    Como é doado deducir, o protagonista e o lector se dispoñen a ler a novela. Axiña o lector ten que deterse porque atopa un erro de paxinación que lle impide continuar léndoa. Vai á librería a protestar para que lle dean un exemplar correcto e alí atopa a Ludmila, unha rapaza que tivo o mesmo problema ca el xa que logo o seu exemplar tamén está defectuoso.

    Os dous deciden ler a novela xuntos. Inmediatamente dámonos de conta que a estrutura narrativa da novela non é “normal” e iso fai que cause un gran impacto.

    En efecto, o libro está feito de dez comezos de diversas novelas cunha historia de fondo que se desenrola téndoos como protagonistas, un lector e unha lectora.

    A novela ten un defecto: carece de final. Buscando o que falta, os dous atópanse cunha novela totalmente diferente da anterior, e logo outra, e outra...todas distintas e incompletas.

    Ao final lector e lectora casan, segundo o clásico canon novelesco do final feliz. O lector pensa que endexamais será capaz de acadar o final da novela, ata que unha noite, na cama, antes de apagar a luz dille á muller que terminou de ler Se una notte d’inverno un viaggiatore.

    Calvino emprega unha estrutura a partir da metaficción: o protagonista comeza e termina a novela léndoa, do mesmo xeito que o lector auténtico. O autor inclúese como personaxe na ficción e actúa como tal. O outro pregúntase pola realidade da ficción e tamén pola del mesmo.

    A procura para atopar o desenlace das historias é o motor do desenvolvemento deste relato. En definitiva, nesta obra os universos de escritor, lector e artista técense ao redor do libro.

    28 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito