Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Canción italiana

    OS resultados das eleccións en Italia deixaron estremecidos os nosos politólogos, hanno tremato i nostri tuttologi, que diría aquel meu profesor de italiano na universidade dos primeiros anos 70, Prospero Colonna, a quen as alumnas máis namoradas da Facultade de Filosofía e Letras definían a lo Valle-Inclán: “guapo, príncipe e sentimental”.

    Pois os nosos todólogos, politólogas e pulpitólogos espernexan agora desmelenados contra Meloni, pero pasan anos sen acordarse de Italia. Só nos dan de vez en cando algunha cita-tópico de Giulio Andreotti (o poder disque desgasta a quen non o ten), ou se cadra de Mario Dragui (banqueiro épico, que fixo o necesario para ciscar Europa de infinitos billetes inflacionistas), ou sexa os políticos italianos máis tristes.

    Eu por quen relouco é polos políticos italianos máis divertidos, didácticos e disolutos, que son case todos, tanto da esquerda coma da dereita, aínda que estes vellos termos fúndense entre eles dando singularidades canónicas. Alí, un político consciente de ser de esquerdas, pode ter o subconsciente de dereitas. E, ao revés, un político de dereitas por fóra pode levar as esquerdas por dentro. A politóloga que non entenda isto non entende nada de política italiana, e necesita unha lección daquel esgrevio diplomático romano, Pietro Quaroni, que nunha entrevista con Indro Montanelli dixo que cada italiano contén dous italianos: un fascista e outro antifascista.

    Por certo que Quaroni foi o que estudou a orixe desa inxusta desestimación que soportan os políticos italianos, etiquetados de frívolos e superficiais. Esta redución caricaturesca seica vén do relatema dos politólogos americanos, que –segundo Quaroni– ditaron tres niveis de intervención política global: cando unha situación é gravísima os americanos deciden pola súa conta; cando a situación é soamente seria chaman aos ingleses; e cando a situación é menos seria, ou incluso cómica, mesmo poden chamar polos italianos.

    E de aí nace ese sambenitamento dos políticos italianos coma se todos fosen Alberto Sordi. Pero aínda hai clases, empezando polos de raza toscana, os florentinos, que son a flor dos políticos de alí: De Gasperi, Nitti, Fanfani, Spadolini... (tamén é toscano o pobre Enrico Letta), unha aristocracia. Os políticos toscanos veñen sendo –coma quen di– os “gallegos” da política italiana, e comparten a máis alta virtude do home publico: ser volpe alí e ser golpe aquí.

    Mandemos ao faiado ese vocabulario tremendista dos nosos todólogos, que aínda están en san Agustín, delatando monstros Frankenstein e pecados de desgoberno, de populismo, e de ultradereita, porque os italianos saben desde hai tres milenios que a política só pode ser o goberno do desorden. E ao final, coma sempre, Italia farà da se.

    29 sep 2022 / 23:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito