Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cando as Festas do Apóstolo volveron ser compostelás

Este foi un Apóstolo moi Ascensión. É certo que nos últimos anos procurei non estar nestas datas pola cidade, pero tampouco recordaba nas veces que si quedei para as festas saudar a tanta xente polos bares e polas rúas. E é que nesta ocasión Santiago semellaba chea de santiagueses, cando xa estaba sendo cada vez máis unha tradición intentar fuxir e practicar un “sálvese quen poida” das aglomeracións producidas por unha cita que foi in crescendo ao longo da súa historia. Parece que o Apóstolo volveu ser moi de aquí, moi noso e para nós. Supoño que esa foi tamén a intención de manter un programa, darlle aos cidadáns un pouco de alegría e bo ambiente despois dunha época tan convulsa, máis que facer unha grandiosa celebración para marabillar máis alá da capital galega e atraer aos visitantes.

A realidade é que está sendo un ano atípico para todo, diso non hai dúbida, e iso afecta tamén ao desenvolvemento dos festexos que cada verán acaparan o protagonismo da vida en Galicia. Moitos deles foron suspendidos directamente, outros (os considerados de máis calado) adaptáronse ás circunstancias e algún salvouse así daquela maneira. Así, as Festas do Apóstolo fixéronse notar finalmente a pesar das dificultades, aínda que fora unha celebración moi diferente á que estamos acostumados composteláns e turistas. Foi distinto si, pero quizais non tanto para os de aquí como para os foráneos.

Mencionaba ao principio o da Ascensión porque sempre se di que a outra gran cita festiva da cidade alá por maio (e que esta vez desapareceu do mapa por estarmos en plena pandemia), é máis caseira, mentres que as adicadas ao Santo teñen máis repercusión fóra das nosas fronteiras. Iso é unha realidade. Cantos somos os santiagueses que se podemos procuramos non estar nesas datas nas rúas? Polo xeral preferimos estar noutros lugares de vacacións mentres os turistas se fan donos do ambiente. Pero se hai unha palabra que estamos a repetir ata a saciedade é esta: diferente. Todo cambia e incluso volve ás súas orixes.

ofrenda. Hai que ver se estas festas foron especiais que ata a tradicional Ofrenda contou con presenza Real, un feito que causou algo máis de expectación que se tiveran delegado unha vez máis no alcalde. E que me perdoe Sánchez Bugallo, non é por desmerecer, pero como comprenderá é máis fácil de ver que os Reis. Xa había uns anos que non presidían a cerimonia do 25 de xullo na Catedral. A primeira e última vez que Felipe VI e Dona Letizia estiveron á fronte do acto foi no 2014. Ben é certo que segundo estaba eu analizando estas datas en clave compostelá, precisamente esta ilustre visita vén romper un pouco os esquemas.

Multifogos. Volvo á clave local, porque parece que ata o prato forte mítico na programación de xullo, os Fogos, volveron a nós, que sempre estivemos afeitos a buscar un sitiño no Pedroso ou no Paseo da Ferradura para ver o espectáculo, antes de que unha parte do mesmo se nos perdera ao non estar no Obradoiro. Tampouco na praza se dividía e medía de maneira tan precisa o aforo, algo impensable hoxe en día, e xa non pola Covid senón por sentido común. Contan os escritos que a súa orixe está no século XVI, cando tan insigne praza se iluminaba con candeas de cores. Nos séculos seguintes xa hai referencias á queima dun castelo e ao lanzamento de foguetes. Chamábanlle os composteláns “a noite do lume”... e volveu ser precisamente iso para moitos fogares que viron as luces resplandecendo dende moi diversos puntos da cidade. Foi inusual e pode que raro (tamén deixou algunha que outra polémica o invento), pero foi moi curioso observar as bonitas estampas que moitos veciños foron quen de recoller na súa noite.

09 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito