Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cando o relato esquece a realidade

As proxeccións que fai o BBVA para 2023 dan a Galiza como única autonomía do Estado español (EE) que perderá emprego, concretamente un -07%, mentres que a media do EE medrará o 1,1%, non é moito, con Canarias co maior aumento un 4%. Este estudo contradí as expectativas do Governo galego, que nos Orzamentos daba como previsión en crecemento do 1,7%. A diferenza non é pequena, e implicaría unha tendencia regresiva fronte as expectativas optimistas da Xunta.

Aínda é cedo para dar por validas unhas estimacións e desbotar outras, mais todas estiman un retroceso en relación con este ano, a cuestión é cal vai ser a intensidade; algo fundamental máxime cando a creación de emprego está tan relacionada co PIB, a cuestión demográfica, e as condicións laborais.

Trátase dunha expectativa negativa que se suma aos escasos resultados acadados polo noso país para obter fondos
europeos para os proxectos de industrialización presentados (cinco deles definidos pola Xunta como estratéxicos). O que contrasta cos recursos xa aprobados relacionados con outras autonomías (e nacionalidades). Alfonso Rueda, no seu discurso de fin de ano, afirmaba que se sentía satisfeito pola situación de estabilidade, obviando que existe unha forte protesta social, aínda que sexa moi fragmentada, e non sempre recollida nos medios, que reclama recuperación dos salarios e poñer freo ao deterioro do sistema sanitario e de dependencia.

Non estará o presidente da Xunta confiando demasiado en que o Governo central está con-
siderando os proxectos avalados por Gali-
za, obviando unha historia de trato des-
igual que a autonomía non foi quen de evitar no esencial por falta de competencias. Mais unha vez pode pasar o tren sen facer parada na nosa estación.

Cos moitos antecedentes que hai, tanto de governos españois de dereita como de esquerda, resulta incomprensíbel que non se utilicen todo os resortes de presión existentes, incluída a mobilización da povoación. Claro que axudaría moito que o proceso de selección dos proxectos fose consensuado cos partidos, como mínimo cos que teñen representación parlamentar, e as organizacións sindicais e sociais. Foi así ou só se informaron polos medios?... Mesmo con estas eivas democráticas non lles resto importancia a moitos dos proxectos que se divulgaron.

Agora ben, o tempo pasa, os vindeiros anos van ser moi duros, resulta evidente que se está recompoñendo o reparto do papel de cada país na actividade produtiva e na escala de valor. E moito me temo que non só non está asegurada a continuidade, cando menos co peso actual, da actividade automobilística e outros sectores, e todo indica que só se nos quere dar un papel destacado só na produción de enerxía, ou sexa nunha actividade primaria, exportadora... máis do mesmo.

É verdade, como esquecelo, xa temos na Coruña o centro de intelixencia artificial, ten seu valor. Mais, que capacidade terá para inducir emprego na comarca e na nación galega? Ademais, non nos confundamos, son Estados Unidos e China os que xogan en primeira división neste tema, e despois unha longa lista de potencias (Rusia, India, Alemaña, Francia, Turquía, Iran...).

Vaise conformar a Xunta con facer propostas, escoitar boas palabras, e conseguir proxectos que aportan máis polo nome que polo emprego que xeran e a actividade que impulsan? Haberá que amosar atrevemento, facer algo de forza. A disputa ademais de electoral, que tanta lle gosta aos partidos sistémicos, fundamentalmente debese centrar nun reparto xusto entre as nacións do Estado e entre as clases sociais. Ademais, estabilidade non hai ningunha, vivimos un verdadeiro terremoto.

09 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito