Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cartos da UE, a cuestión tamén está no reparto

    As previsións dos organismos internacionais, tamén do Banco de España, son peores a medida que pasan os meses, ten súa lóxica, xa que aínda que rematou o confinamento a pandemia segue a medrar no resto do mundo, co que isto implica respecto do comercio exterior e do turismo. Daquela que as ultimas previsións da Unión Europea supoñan para o Estado español unha caída do PIB de -10,9% para este ano e unha subida do 7% para o 2021, ou sexa, que habería que esperar ao ano 2022 para recuperar a actividade económica do ano 2019. Os dados son algo máis negativos para Italia, e tampouco Alemaña sairía moi ven parada, xa que baixaría este ano un -6,3% e subiría en 2021 só un 5,3%, ou sexa que até principios de 2022 non igualaría a situación previa á pandemia.

    Son dados que amosan que a recuperación non será tan inmediata, mesmo facendo un esforzo para dar liquidez as empresas e para evitar que o desemprego funda o consumo. Daquela que Merkel optase por unha vía menos conservadora, dado que a actividade económica de Alemaña está moi condicionada polas importacións, moi especialmente do sur da UE moi afectado polo covid-19. Asemade, depende do comportamento da pandemia no resto do mundo, e os dados a esta altura non son moi positivos en América Latina, e como o faga en África e o sur de Asia é unha incógnita. Tampouco se pode obviar unha segunda onda. O cambio de postura de Merkel sen dúbida esta moi condicionado por esta realidade, xa que non abondaba con reflotar con inmensas axudas ás empresas alemás se non recuperan as vendas exteriores tradicionais, xa que crear novos mercados leva o seu tempo, aínda que un aumento da diversificación e fortalecer o consumo interno estará na folla de ruta de Berlín.

    No caso do Estado español a recuperación do emprego, cando menos a niveis de 2019, será máis custosa e non maior número de atrancos. Seica este ano o paro vai chegar ao 20%, ante todo porque a pandemia vai afectar os comportamentos sociais, e moi especialmente a mobilidade e os espazos con participación masiva, por exemplo o turismo, porén tamén espectáculos, museos, etc. Neste aspecto a incidencia sobre a costa mediterránea e as illas será moi alto. Ao que cómpre sumar o retroceso do comercio exterior nalgúns sectores, o único dado positivo son os menores custes da enerxía e das materias primas importadas.

    Hai quen afirma que será unha situación transitoria, que se superará coa vacina. Esquecen o impacto social do confinamento, e que se sementou no imaxinario colectivo a evidencia de que a pandemia pódese repetir cun novo virus, ao que se suma a evidencia da degradación dos ecosistemas, da insustentabilidade da presión demográfica, das grandes metrópoles, etc. Todo indica que isto forzará transformacións importantes, daquela a prioridade que se lle dá ao ecolóxico e a dixitalización como condición para as transferencias e prestamos que está a debater a UE. Ou sexa, que malia que se fale de recuperación da actividade produtiva e de servizos, xa se están a dar pasos para unha nova economía, o que non implica un reparto máis xusto da riqueza producida nen do emprego. Que sexa así dependerá, como sempre, da fortaleza do movemento obreiro e das forzas de esquerda para producir cambios sistémicos.

    Esta etapa de recuperación e transformacións é importante e necesaria, e ao mesmo tempo extremadamente perigosa para a nación galega. Tal como xa se aprecia no peche de empresas do sector industrial, que en moitos casos teñen un papel estratéxico e son dinamizadoras de comarcas enteiras (As Pontes, A mariña luguesa). Sen dúbida este proceso de reestruturación económica continuará. A cuestión é: cales son as medidas que o Goberno central e a Xunta vai tomar para evitar os peches ou para reconverter estas factorías sen perda de emprego? Por que ademais das axudas no entra o Governo ou a Xunta nos consellos para garantir a continuidade? Por que o investimento público é unha opción nas empresas aéreas e autostopistas cando afecta a certas zonas do Estado español e non a outras actividades e autonomías?

    Agora ben, para alén destas situacións que son de alerta, que necesitan dunha solución inmediata, o noso país non debería descoidar que outro dos aspectos centrais é que cheguen a Galiza recursos suficientes para alentar a industrialización, a produción ecolóxica e a economía dixital, diversificada e circular. En que autonomías e cando se realicen os investimentos non é unha cuestión secundaria. Polo momento todo o que ten que ver co coche eléctrico está focalizado en Madrid e Barcelona. Pode que Citroën manteña hoxe a súa produción, porén podemos estar perdendo o coche do futuro. Repito, vanse producir importantes cambios na produción de bens e na prestación de servizos, mudanzas que foron aceleradas polo covid-19, pola desfeita ecolóxica, polo modelo urbano e a mobilidade estrema, pola especulación e a débeda soberana, e a confrontación entre potencias. Agora ben, isto non implica máis xustiza social, igualdade e soberanía nacional; avanzar por esta vía dependerá da correlación de forzas, de gañar a loita das ideas, de manter unha mobilización sostida, de ocupar as institucións, e sobre todo do protagonismo das clases sociais e países subalternos.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    12 jul 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito