Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Catalán na escola: unha sentencia inútil

    Cando o Tribunal Supremo non tivo presente o recurso do goberno catalán en defensa do sistema de inmersión lingüística, confirmou a sentencia ditada no pasado decembro polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña que esixe a presenza do castelán nun 25% no sistema educativo desta comunidade autónoma.

    Como se tivesen un resorte, os dirixentes do Partido Popular saltaron para esixir a inmediata execución da sentencia, como se a saúde do castelán dependese deses puntos porcentuais suplementarios a engadir. Xa actuou así o ministro Méndez de Vigo cando presentou unha demanda no TSXC en 2015 para xeneralizar o uso do castelán nas escolas catalás e non “á carta”, como facía a Generalitat segundo as peticións dalgunhas familias.

    O PP ten dúas teimas que precisa situar decote no panorama político: ETA e mais o catalán. Pero está a suceder como naquel conto da chegada do lobo: ante a ausencia continuada da besta, quen avisa da súa chegada non fai senón afondar o seu ridículo. Esixir a inmediata execución da sentencia sería, en calquera caso, unha medida inútil. De entrada, porque a súa verificación efectiva -caso de producirse- é ilusoria. En segundo lugar, porque a sentencia está baseada na LOMCE do ministro Wert, sen vixencia desde a recente reforma impulsada pola ministra Celaa, que de feito valida os mecanismos de inmersión lingüística aplicados en Cataluña.

    Pero á marxe da viabilidade ou non de executar a sentencia, cómpre lembrar -aínda que sexa por enésima vez- algunhas circunstancias. A primeira, que nas últimas eleccións autonómicas o PP obtivo só tres deputados (3,85% dos votos), pola provincia de Barcelona, e que corre o risco ben seguro de quedar coma forza extraparlamentaria nos comicios vindeiros. A segunda, que as denuncias ou solicitudes para estudar en castelán foron anecdóticas ao longo destes anos.

    En calquera caso sorprende -como sucede tamén en Galicia- que os que promoven o bilingüismo activo en contra da presunta hexemonía da lingua propia oficial só se expresan en castelán. Ou non o agochan, como sería o caso dos membros da asociación “Hablamos español”, absolutamente refractarios a cumprir a lexislación vixente verbo das linguas propias oficiais, como se facelo fose un exercicio de adoutrinamento nacionalista.

    Pero sucede que recentemente moitas alarmas saltaron porque en moitos ámbitos escolares de Cataluña e por razóns diversas, as porcentaxes de uso habitual do catalán están moi por debaixo dese 75% que impón a sentenza do TSXC. Estas actitudes de negar o uso (con discriminación positiva ou non) da lingua propia oficial non só son de preguiza (da habitual preguiza de moitos monolingües en castelán) senón en moitos casos de forza de ocupación, de colonizadores. Defender o uso destas linguas distintas do castelán non deixa de ser un exercicio, tímido se queredes, do mandato constitucional e negalo é situarse fóra desta lei suprema.

    Este arrouto contra as linguas propias comezou coa aparición de Ciutadans, con Albert Rivera á cabeza. O seu propósito era combater o nacionalismo promovido desde a coalición CiU pero, en realidade, era neutralizar o catalanismo en xeral, asumido tamén desde sempre polas forzas de esquerda (PSC, PSUC-Iniciativa). E obxectivo central foi a negativa á preeminencia social da lingua catalá: a xente guapa que patrocinaba o partido proclamaba o garrulismo coma motor electoral e social.

    Volvendo ao comezo, a aplicación da sentenza do TSXC resultará inútil e non só pola vixencia da recente reforma da lei educativa promovida pola ministra Celaa. Porque aínda no hipotético e imposible suposto dun seguimento por comisións xudiciais, o exercicio efectivo de apenas o 75% da lingua catalá podería levar a forzar a cumprir esta porcentaxe, moitas veces inferior ao que é o seu uso habitual (xa non digamos nas horas de patio) malia os propósitos dos promotores da inmersión lingüística.

    Joaquim Ventura

    27 nov 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito