Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cazar ao terrorista

    As declaracións do Presidente dos Estados Unidos afirmando que ían a cazar aos membros da organización Estado Islámico, en resposta ao salvaxe atentado terrorista no aeroporto de Cabul, carente de calquera xustificación, non son as que se esperan por parte dun país que logo se presenta como o máximo garante da democracia e o humanismo no mundo. Trátase de deter e xulgar aos dirixentes do EI, de comprometer nesta tarefa aos organismos internacionais e de forzar aos talibáns a colaborar. Trátase de non lles dar máis osixeno con bombardeos indiscriminados e asasinatos a dedo e de xeito anónimo. Son métodos usados polos ocupantes en Afganistán, mais tamén en Iraq, Siria, Libia, Panamá,... que destrúen o relato democrático. Por exemplo, a base de Bagram perto de Cabul aínda manca a memoria colectiva como lugar de tortura utilizado polos estadounidenses.

    A maior potencia do mundo e aliados deben ser capaces de tirar ensinanzas do acontecido en Afganistán, e entender que a derrota non foi só militar senón consecuencia do fracaso da doutrina da imposición, do mesianismo, da explotación de clase e opresión nacional. Non todo se gaña coa forza, co diñeiro e co control da información, o relato e a tecnoloxía, cando falamos do povo, da xente común; tamén importa moito: o respecto, a participación, ou sexa, a complicidade. Esta última acadárona as potencias occidentais só en sectores moi estreitos da sociedade afgá, por parte daquelas persoas que colaboraban cos ocupantes para obter ingresos, tal como se comproba agora nas listas de exiliados/as. Evidentemente tamén hai outros sectores, mais foron a parte fundamental dos evacuados/as. Esta foi a razón pola que o construído en dúas décadas caeu en tan pouco tempo.

    Os medios occidentais buscan destacar na mensaxe o investimento billonario (máis de dous billóns de dólares) poren a maior parte da povoación vivía na precariedade, había millóns de desprazados internos e nos países veciños, e o cultivo do opio multiplicouse. A corrupción estaba enormemente estendida, tamén entre os ocupantes. Esta é a outra cara da moeda dos masivos investimentos, das colaboracións humanitarias, dos necesarios e urxentes dereitos a prol das mulleres.

    As eivas existentes non se solucionan cun governo talibán, ademais todo fai pensar que haberá dereitos básicos que serán esmagados. Mais a actitude da comunidade internacional non debía castigar a todo o povo afgá porque os talibáns van governar, máxime cando o Governo foilles entregado polas forzas ocupantes que previamente fracasaron tanto no eido social como económico e militar. Repito, en Afganistán foi derrotado un sistema económico, social e político que se impón pola forza, que acrecenta a centralización e concentración da riqueza e do poder a costa de aumentar a dependencia e a desigualdade, e destruír aquilo que non se somete. Un sistema que, ao mesmo tempo está estragando a natureza, polo que tampouco é sostíbel en termos ambientais, de futuro.

    Sen dúbida é positivo que se manteña a presión sobre os talibáns, a prol dos dereitos individuais e colectivos básicos, condicionando as axudas humanitarias e ao desenvolvemento. Poren trátase de facelo sen afogar ao país, por exemplo conxelando as reservas e fondos no exterior ou mediante sancións (como certos governos e asociacións propoñen). Cómpre normalizar a efectos prácticos as relacións. Acaso non se fixo e seguise facendo coas ditaduras en América Latina, coas monarquías árabes, con governos que reprimen á povoación?...

    Sería un paso atrás que esta derrota se vise só como militar e polo tanto que se aplicase o plano B, o do control sobre os medios e o relato do que sucede, os ataques mediante drons, e dando azos á desestabilización en Afganistán; por exemplo, pensando nos réditos que isto pode implicar en termos da confrontación con China e Rusia. Estados Unidos e seus aliados deben mudar a folla de ruta, rectificar a fondo o modelo económico e social, se queren ter un papel importante e construtivo. E neste aspecto contribuiría a distender a tensión que a Unión Europea faga a súa propia andaina; comezando por aceptar que non é o centro do universo, nen un proxecto sen contrastes. Que o fixese axudaría na construción dun mundo multipolar, máis xusto e democrático.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    02 sep 2021 / 00:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito