Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Centenarios

    COMO me incorporei cun pouco de retraso a este ano ominoso, aínda non controlo os “relatos dominantes”, que diría Yuval N. Harari, o historiador de moda. Ou, dito con máis alegoría, como estiven todo o inverno na cova da covid, aínda non vin todo o que agora hai na caverna de Platón. Ou sexa, nesta nosa democracia de sombras e aparencias.

    Por exemplo, aínda non sei que centenario toca celebrar este ano 2022, e sería bo sabelo porque contra os centenarios convén protexer o intelecto do impacto da gran cantidade de chorradas que se din do esgrevio (ou esgrevia) ao que se lle dedica a memoria. O ano pasado tocoulle centenario a Emilia Pardo Bazán, tan sacudida a abalada por xente de aquí e de acolá, que ao final dona Emilia xa nos caía gorda.

    Este ano os que van sufrir unha boa tunda centenaria son os franceses, porque se lles bota en riba o peso dos cen anos cumpridos desde a morte de Marcel Proust. Menos mal que (en comparación con Pardo Bazán) Proust é un peso pluma, a pluma máis leve de todo o século XX (pero nesta pluma hai máis vida ca na vida mesma). Pola miña parte non deixarei de estar atento ás efemérides proustianas, e mesmo prometo dar de vez en cando o coñazo escribindo algo sobre o autor da Recherche para participar na gran madeleine que se vai cociñar en Francia. Con moita grandeur.

    Pero o centenario que vai armar máis rebumbio vai ser o do ano que vén, no que se cumprirá un século ben contado desde a instauración da Ditadura de Primo de Rivera. Que esquecida a temos (en historia esquecer é moi perigoso). Porque tanto as plúrimas reformas educativas coma o número innúmero de universidades ciscaron por Occidente un vulto de analfabetos en historia enorme. Imenso, que diría un portugués (apuntamento lusófono! Xa me apetece botarlle unha flor á nosa tanxugueira dos aturuxos lusistas dos digochoeus).

    Pois esta burricaxe imensa de xente carente dunha culturiña sobre historia pensa que máis atrás do franquismo non hai historia, non hai nada. Pero a verdade é que a rente o Golpe de 1923 xa se ve todo (ese todo produtor de tanta nada). Os primeiros anos 20 (se cadra tamén estes nosos primeiros anos 20, toca madeira...) adoitan facerlle niño ao fascismo, que é “fillo do medo”, como avisaba daquela o historiador británico Trevor-Roper, o máis sabio en auspicios daquel tempo apaixonado polo charlestón e mais polos “cirujanos de hierro”.

    Que curioso: polo que ás veces se oe en tertulias, palcos e púlpitos, seica volve aquel gusto polo metaforismo clínico. Hai coma unha nostalxia de cirurxías e bisturís. Eu é que che son moi supersticioso dos anos 20.

    01 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito