Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chegaron as lampreas

    CANDO estudaba o bacharelato en Vigo coincidía algunhas mañás con don Gonzalo Torrente Ballester na parada do autobús, na rúa Urzaiz de Vigo. Agardabamos alí ambos coa intención de ir para o instituto, ainda que con cometidos diferentes, como ben poden supoñer.

    Daquela, don Gonzalo acababa de publicar La saga/fuga de JB, unha novela onírica e multiforme, que tiña débedas coa imaxinación galega e co Tristram Shandy de Laurece Sterne. O libro tivo certo recoñecemento –gañou o premio da Crítica–, pero seguramente don Gonzalo tería apreciado máis o éxito de público, que non lle chegou ata uns anos despois.

    Mereceu tamén un dos informes máis absurdos da absurda historia da censura franquista: “De todos los disparates que el lector que suscribe ha leído en este mundo –escribiu o censor–, éste es el peor. Totalmente imposible de entender, la acción pasa en un pueblo imaginario, Castroforte del Baralla, donde hay lampreas, un cuerpo Santo que apareció en el agua, y una serie de locos que dicen muchos disparates”.

    Seguramente non entendín moito daquela obra laberíntica e burleira, unha novela inzada dun extraordinario humor, localizada en Castroforte de Baralla, a localidade ficticia que os estudosos sinalan que está inspirada en Pontevedra.

    Unha das cousas que me gustaron, a parte da absoluta liberdade coa que está escrita, eran precisamente as referencias ás lampreas do río. Eu coñecía novelas con baleas, con quenllas, con bacallaus.... pero ningunha na que apareceran as lampreas, que vin cociñar moitas veces a miña avoa, con raíces n´O Rosal (Pontevedra), na comarca miñota e lampreeira. Despois souben que había lampreas no Decameron de Bocaccio e en O conde de Montecristo de Dumas, pero esa é xa outra historia.

    Agora non é común que se cociñe lamprea nas casas, quizais porque é un traballo penoso limpalas, reitrarlles a vea do fel e desangralas para usar o sangue na salsa. E porque é xa un rito para moitas familias e grupos de amigos acodir a un restaurante para compartir nestas datas, con aires de festa, unha lamprea cociñada en tarteira de barro.

    Á lamprea á bordalesa, unha preparación tipicamente francesa, é unha desas receitas nas que os galegos aprobamos o uso da canela nun prato salgado, pois o guiso clásico da lamprea acepta feliz algúns aromáticos –canela, cravo, pementa, mesmo cacao– que revelan a orixe foránea do prato.

    Sendo á bordelesa a fórmula preferida dos lampreólogos máis eminentes, eu teño moito respeto pola empanada de lamprea (de Padrón ou de Caldas, tanto monta) e o arroz de lamprea dos veciños portugueses. Tamén pola lamprea seca e rechea, que ten a virtude de matar as saudades cando a tempada de pesca xa rematou.

    Este ano lin que a tempada se presenta boa para as lampreas, porque parece que os exemplares son grandes e abondosos, pero será unha tempada difícil para moitos restauradores, no centro das restricións. Non haberá mais remedio que incorporar a prudencia aos ingredientes básicos da receita, sen renunciar ao mais feo e saboroso dos peixes.

    19 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.