Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

China, a gran descoñecida

    Neste contexto tan complexo, tanto no económico e social como no político, no que está en cuestión o propio sistema. E polo tanto a expansión da globalización neoliberal, dado o medre da desigualdade, militarismo e agresión á natureza, unha economía cada vez máis especulativa e delituosa. Un mundo onde os cambios que se realicen para corrixir o rumbo van depender no esencial das dúas grandes potencias: Estados Unidos e China.

    Agora ben, sabemos moito dos Estados Unidos, en gran medida a través dos seus propios medios de comunicación ou afíns que fan deste imperio a terra das oportunidades, da democracia e liberdade, aínda que de cando en vez haxa lóstregos das súas contradicións sociais, do racismo e da destrución que causa nos países que pretenden manter a súa soberanía. Porén, esta sobre información contrasta coa pouca ou nula que temos respecto de China. É, o máis grave, a fotografía que nos chega é a maior parte das veces a través das potencias rivais que ollan no xigante asiático un inimigo que coloca en perigo a hexemonía do mundo occidental, especialmente dos Estados Unidos que se arroupa cun papel mesiánico respecto dos comportamentos colectivos e individuais.

    As diferencias non parecen estar no modelo económico e social, aínda que as hai, dado que China conta cun importante sector público e cooperativo, e o Estado ten un papel moito máis determinante que nos países occidentais, onde as corporacións privadas colócanse moitas veces por riba dos organismos que deben representar a vontade popular. Deberase a isto a maior eficacia do modelo chino, no descenso da pobreza e da prioridade na loita contra o cambio climático, malia as súas limitacións respecto dalgúns dereitos individuais e colectivos?

    En calquera caso, coido que o aspecto fundamental nesta conxuntura histórica, non está tanto en debater sobre o sistema económico e social en China, aínda que se deberían estudar súas virtudes e erros, dado o rápido medre do PIB, senón en como incidirá no resto do mundo que esta potencia aumente seu protagonismo. Agora ben, sempre será positivo o maior multilateralismo posíbel (e mellor entre tres ou catro potencias que entre dúas), especialmente para as nacións que xogan un papel subalterno, teñan ou non estado propio (caso do país galego). E neste aspecto como se entenda a globalización é fundamental, tanto no plano ecolóxico, como porque o crecemento acotío da economía de escala, mesmo nun mundo multilateral, seguirá aumentando a dependencia e polo tanto as desigualdade que cada territorio e clase social ten na cadea de valor.

    Neste sentido, coido que ten unha enorme importancia o acordado polo Partido Comunista de China no seu Congreso de outubro de 2020. No seu último libro “A metamorfose do comunismo na China”, Xulio Rios, analista en temas do leste de Europa e China, viviu varios anos neste país, destaca: “O PCCh introduce unha viraxe substancial: a China non se empeñará en liderar a nova etapa de globalización e buscará a autosuficiencia económica e tecnolóxica en resposta ás tensións cos países desenvolvidos de occidente, especialmente á vista do proteccionismo e unilateralismo promovido por EUA (...) O PCCh asumiría o concepto de circulación dual (...) concentrase na economía nacional (circulación interna) e busca integrar a economía interna coa economía global (circulación externa)”. Trátase polo tanto de pasar dunha economía sustentada na exportación a outra que se asenta no consumo interno. No é un pequeno cambio, porque implica ver a globalización como un complemento, co que isto significa respecto da mobilidade de mercadorías e persoas, da economía de escala, do protagonismo das corporacións transaccionais, etc.

    Sen dúbida é acertado que o autor coloque o foco neste tema. Sería un paso positivo, histórico, non só para China, senón para o resto do mundo se este replantexamento sobre a globalización fose seguido por Estados Unidos e aliados, así como por outras potencias rexionais. Porén todo indica que malia a pandemia, os graves problemas medioambientais, o medre da desigualdade entre territorios e entre clases sociais, esta reflexión non é compartida pola maioría das potencias, que teñen como obxectivo principal recuperase da crise sen cambios estruturais (para alén da enerxía verde e da dixitalización). Malia a desfeita a Unión Europea acentúa a tendencia globalizadora, mesmo que sexa insostíbel, as corporacións trasnacionais dominan os mercados, a información e a política. Para que isto mude cómpre ademais dos pasos que podan dar algunhas potencias (forzadas?) unha forte mobilización social cun proxecto político alternativo, nacional e mundial, onde xustiza social, soberanía, igualdade, ecoloxía, democracia e solidariedade, sexan tratados como partes dun todo indivisíbel. E iso implica cuestionar a economía de escala, as corporacións (realmente monopolios).... Non pode ser doutro xeito neste contesto da humanidade, cun capitalismo na súa etapa senil e contradicións tan agudizadas. E neste aspecto non hai país nen partido pequeno, nen loita que non pague a pena.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    20 may 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito