Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chistes maquinais e outras cousas sen ningunha graza

    Un matrimonio de idade avanzada tiña un fillo, aínda un neno, que comezaba a despuntar ao piano. Os seus pais, embelesados coa suposta xenialidade do seu fillo, convidaron a cear a un consumado músico, coa idea de que escoitase ao rapaz. Querían facer unha especie de “Got Talent” doméstico, vaia. Sen esperar sequera ás sobremesas, insistiron en que o neno tocase. Mentres o facía, os pais miraban emocionados ao seu convidado, esperando ver na súa cara calquera escintileo de admiración, ou polo menos de agradable sorpresa. Ao intre, o pai, moi impaciente, pregúntalle ao músico: mestre, que lle parece a execución?, ao que este respondeu: Home, executalo paréceme excesivo, pero si que lle daría un par de hostias.

    Este chiste, que escoitei hai bastantes anos, veume á cabeza vendo como valoran ChapGPT os seus usuarios. Hai persoas que, como os pais da xove promesa do piano, están embelesados co locuaz programa, algúns mesmo enganchados a el. Outros mostran a súa decepción tan pronto como a máquina solta un par de bobadas, ás veces tan absurdas que dificilmente sairían de boca humana, agás dalgunha moi disparatada, que habelas hainas. É certo que non son nada infrecuentes as meteduras de zoca deste falangueiro dixital. Iso si, incluso o máis absurdo adórnao ben, como esas persoas que inflan o peito como pombas “buchonas”, ao tempo que din unha solemne estupidez.

    Non son só os erros de vulto o que preocupa a quen deseña estas intelixencias artificiais. Hai algúns anos Microsoft fixo accesible ao público un “bot”, chamado Tay, que escribía as súas ocorrencias en Twitter. A idea, como agora, era que Tay mellorase a súa competencia a través da interacción con outros usuarios da rede social. O malo é que aprendeu do mal exemplo dado por algúns dos seus interlocutores humanos. Empezou a utilizar unha linguaxe ofensiva, escribindo tuits racistas, sexistas, nazis... Podemos pensar que non fixo outra cousa que imitar o que hai de ruín en certos comportamentos humanos, pero non debemos permitir que as máquinas copien o peor de nós. Ás 16 horas foi desconectado, con gran escándalo e cun importante custo reputacional para Microsoft.

    Esta vez non se quixo correr a mesma sorte e, para evitalo, tomáronse moitas cautelas e puxéronse algúns cortalumes, como evitar nas conversacións temas recentes ou improcedentes. En principio estas medidas funcionan ben, polo que vimos desde que ChatGPT foi posto a disposición do público. Con todo, xurdiu outra polémica polo modo no que OpenAI, a compañía que desenvolveu ChatGPT, levouno a cabo. En concreto, contratando a unha empresa que debía achegar abundantes exemplos de todo aquilo do que non procede falar. A empresa contratada para ese fin atendeu o seu encargo subcontratando a persoas en Quenia, con soldos de menos de 2 dólares por hora. Así conseguiu achegar contidos convenientemente clasificados, recollidos previamente das entrañas da internet, nalgúns casos das máis profundas e abominables. Algúns testemuños de quen traballou neste proceso son desacougantes, pola extrema dureza dos contidos que tiveron que ler e etiquetar. Fálolles de zoofilia, abusos sexuais, pedofilia, suicidios, asasinatos... En fin, só escribilo ponme os pelos de punta.

    Pero non quero pechar con mal corpo este primeiro artigo meu dunha nova etapa en El Correo Gallego, así que, do mesmo xeito que empecei cun chiste, acabarei con outro. Este “contado”, iso si, por ChatGPT:

    Sabes algún chiste de galegos?, pregunteille.

    Resposta:

    Claro! Por que os galegos non poden ser bombeiros?

    Porque sempre que apagan un incendio, din: “Só faltou o churrasco!”

    Escoiteinos peores.

    26 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito