Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cidades que merecen libros

    AS cidades non están nunca completas ata que non teñen un libro que as explica, como se se tratase dun manual de instrucións. Son os escritores os que desenredan esas marañas de rúas, edificios, xentes e mercados que chamamos cidades e son eles os que acaban de descubrir os trazos cos que darlles identidade e con que proxectalas no mundo.

    As grandes capitais teñen todas o seu biógrafo: Londres presume da monumental obra de Peter Ackroyd, Nova York e París contan con senllos libros de Edward Rutherfurd e Roma pode sentirse orgullosa da extraordinaria mirada de Indro Montanelli sobre o seu pasado. Santiago de Compostela e o Camiño tiveron a sorte de ser materia literaria para grandes autores: López Ferreiro, Torrente Ballester, Cunqueiro, Edith Warton, e moitos máis escribiron sobre a cidade dos peregrinos. Carlos Reigosa convertiuna en territorio de literatura de entretemento (Crime en Compostela), cando a moda das novelas negras de sabor local aínda non existía.

    Nos últimos meses paseino moi ben con dous libros protagonizados por cidades, excelentes os dous por distintos motivos: Porto, a entrada para o mundo (editorial Casa das Letras, en portugués), do profesor británico Neill Lochery, e Madrid (editorial Destino), de Andrés Trapiello.

    Lochery percorreu todos os arquivos relacionados coa cidade do Porto, dentro e fóra de Portugal, para enfiar un relato moi intenso, no que se ocupa da historia das ideas, do desenvolvemento económico e das repercusións da política internacional no acontecer da cidade. A invasión francesa, os conflitos entre absolutismo monárquico e liberalismo, a prosperidade industrial do século XIX, o comercio do viño... son examinados e relatados con paixón e coñecemento.

    Porto foi nos dous últimos séculos unha cidade convulsa, axitada por revoltas e revolucións, que hoxe exerce como centro económico , turístico e creativo de gran relevancia. “Porto é a entrada para o mundo” dixo Kofi Annan, secretario da ONU, para referirse a sua estratéxica posición nas relacións con España, Reino Unido, o resto de Europa e Iberoamérica.

    Madrid é todo un tratado sobre a memoria da cidade e a propia memoria do autor, o escritor Andrés Trapiello. Calquera resumo apresurado sería inxusto cun libro tan documentado, ateigado de historias e de anécdotas, especialmente as literarias.

    Polo Madrid de Trapiello desfilan os nomes e as palabras de Bergamín, Gómez de la Serna, Elena Fortún, Galdós, Umbral .... E tamén os pintores (Goya e Solana á cabeza), os fotógrafos, os cineastas, os políticos (coa oportuna reivindicación de Clara Campoamor), os pensadores, os reis e os pícaros.

    Dous libros estupendos para pedirllos os Reis Magos. Eu compreinos nunha libraría da cidade, pero vostedes ainda poden escribirlles aos Reis e, no caso de merecelos, ver se mañá están xunto aos zapatos.

    05 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.