Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 03 marzo 2021
13:27
h

Clariño e ben ilustrado

    IMPRESIONA ver e ler en letra escrita a vida deste home que, se vivise, cumpriría, en agosto de 2020, cen anos. Moitos e poucos ao mesmo tempo, difíciles, escuros, luminosos. Cheos de luz e de esperanza, tamén. Para lembrar a grandeza de Isaac Díaz Pardo e festexar o centenario do seu nacemento, o Concello de Santiago publicou un libro cheo de agarimo e con todo o cariño e bo facer do autor, Xosé Ramón Fandiño, un amigo, un “irmán de Isaac”, un discípulo de Isaac, un colega, un disciplinado e honesto historiador, capaz de respectar e preservar a memoria e máis aínda cando se trata da “memoria do compromiso”. Compromiso coa xente, co pobo enteiro e coa Galicia toda.

    Aqueles grandes homes como Alfonso Rodríguez Castelao, Antón Fraguas, Ánxel Casal, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Bouza Brey, Blanco Amor, Francisco Asorey, Carlos Maside, Arturo Cuadrado, Luís Seoane e moitos outros pasaban pola casa da Tumbona, na rúa compostelá das Hortas, para falar co pai de Isaac, Camilo Díaz Valiño, outro artista de verdade e defensor da xustiza e da igualdade, como principios esenciais para erradicar o caciquismo e acadar unha terra libre, na que puideran vivir homes e mulleres libres, sen ataduras e sen fame. Ao pouco, xa o mataron, paseárono e asasinárono.

    Santiago de Compostela e as súas xentes recoñecen a estes homes que deron tanto pola liberdade necesaria, máis do que puideron, todo o que tiveron. Lembralos é unha obriga que teñen e temos os que os estimamos e apreciamos, os que esixen e queren (queremos) xustiza e razón.

    Fandiño conta estas cousas que lle poñen ao lector a pel de galiña. Terribles historias que deben ser coñecidas e nunca esquecidas. Aqueles homes, cos seus principios, coas súas ideas ao servizo dun país que querían liberado, pagaron o seu compromiso co exilio ou coa vida. En 1936, cando tiña dezaseis anos, Isaac Díaz Pardo tivo que fuxir de Santiago e esconderse en Coruña, na casa do tío Indalecio. Non había nada que falar, procedía calar, chorar e agardar.

    Díaz Pardo e Fandiño foron amigos, “moi amigos”, traballaron xuntos e xuntos, a pesar da diferencia de idade, contribuíron á construción da identidade de Galicia. Así como di o refrán, “Deus créaos e eles xúntanse”. As súas contribucións ao desenvolvemento intelectual do país son de importancia relevante e merecen, xa que logo, respecto e querenza. A Tía Manuela envíalle parabéns ao autor, polo que conta e por como o conta. Fantástico, clariño, didáctico e moi ben deseñado e ilustrado.

    27 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito