Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Co frío chegan as ‘trompetas’

    EN liñas xerais, o frío e os cogomelos non se levan ben, pero como para todo na natureza hai excepcións, cando chega o mes de novembro, cando as noites se van facendo máis longas e as temperaturas xa piden un abriguiño, comezan a agromar uns pequenos cogomelos que teñen exactamente a forma de trompetas, dos que na Galiza se poden ver varias especies.

    Todos eles son doados de distinguir e non hai ningunha especie tóxica que se lles pareza. Teñen textura cartilaxinosa, forma de funil co pé longo, pero sobre todo chama a atención que está completamente oco, de aí a semellanza co instrumento musical.

    Cando un os atopa parecen pouca cousa, porque son delgados e se o 70 % é auga, en pouco se van quedar ó cociñalos; pero hai varias razóns que contradicen isto. O sabor merece a pena e, incluso, se poden conservar secos ao ar para o resto do ano, porque despois dunha breve rehidratación compróbase que non perderon as súas cualidades organolépticas.

    O normal é consumilas guisadas, solas en aceite de oliva, con un dente de allo e salpimentando ao gosto, se son frescas, ou usalas para acompañar unha carne asada ou un arroz branco, se foron deshidratadas.

    E por se a cualidade fora pouco, cando se atopa un exemplar no monte, é aconsellable deixar a cesta no chan e mirar con coidado ao redor. O normal é que nun par de metros cadrados se encha e, como pesan tan pouco, pódense apañar sen medo a sobrepasar os dos 2 kg/persoa/día que indica a lexislación galega (DL 73/2020 de 24 de abril).

    Actualmente pertencen ao xénero Craterellus, aínda que nas guías antigas poden figurar como Cantharellus. En Galiza as de mellor cualidade corresponden a tres especies: trompeta negra ou da morte, a amarela e a castaña.

    A trompeta negra (C. cornucupioides) e case negra no interior e gris por fora do chapeu e no pé, ten engurras en lugar de pregues como os cantarelos. Atópase nas carballeiras, onde hai acúmulo de follas e, incluso, nos bordes do bosque onde se acumulan ramas e medran as silvas. En seco ten un forte cheiro que lembra ao regaliz.

    A trompeta amarela (C. lutescens) é de cor parda clara, amarelada no chapeu e amarela por fora e no pé, ás veces pode ser totalmente amarela dourada, por fora é engurrada e tampouco ten pregues. Aparece nas plantacións de piñeiros, entre as follas caídas. En xeral é menos aromática que a negra, pero poden atoparse poboacións que cheiran a pexego seco. Con ela tamén se elaboran unhas sobremesas exquisitas.

    E, a trompeta castaña (C. tubaeformis), en xeral, é de cor parda máis escura no chapeu e no interior e máis amarelada por fora e no pé, con todo, hai poboacións que se poden confundir coa trompeta amarela, aínda que se diferencian porque esta ten pregues por fora do chapeu, non é engurrada. Pode atoparse en carballeiras e nos piñeirais. Pode guisarse sen problema, pero non permite elaborar sobremesas.

    Son cogomelos que, como diría Álvaro Cunqueiro, son moi apreciados polos afeccionados á boa cociña e á boa mesa e os xefes de cociña requintados e, nos mercados internacionais, valorizanse moi ben.

    25 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.