Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cogomelos inofensivos?

    HAI moitos anos, cando se comezou coa divulgación micolóxica en Galicia, decíase que todas as lepiotas que superaban no sombreiro os 10 cm de diámetro, que tiñan pé groso (> 1 cm) e anel móbil eran todas comestibles. Así diferenciábanse das pequenas lepiotas, con menos de 8 cm de diámetro, pé delgado e anel fixo, entre as que algunhas posúen hepatotoxinas, tan perigosas como as de Amanita phalloides.

    Investigacións posteriores levaron aos micólogos a darlles o nome de Macrolepiota, que parecía ben aplicado: eran grandes e así diferenciábanse das pequenas que se mantiveron como Lepiota. Pero, co tempo, soubose da existencia de Macrolepiota venenata, na que nacían varios pés xuntos como dun bolbo e que tiña as escamas do chapeu en disposición radial, non concéntrica. Diferenciábase ben e non parecía ser demasiado tóxica, aínda que nalgunhas zonas de Ourense xa a rechazaban como “cogordo malo”.

    En investigacións posteriores, víuse que exemplares do que se chamaba Macrolepiota rhacodes, unha zarrota que se avermella un pouco no pé e ten escamas grandes e máis desordenadas, causaban con frecuencia intolerancias gástricas, ao igual que o facía unha variante súa, que nacía en zonas estercadas, hortas, restos de bagazo... (C. rhacodes var. hortensis).

    Cando se analizou o ADN de todas estas especies comprobóuse que o tiña tan diferente, que xustificaba un cambio de nome: Chlorophyllum rhacodes e neste grupo si había outras especies que causaban intoxicacións.

    Nos últimos anos, probablemente debido ao cambio climático, está aparecendo con maior frecuencia e abundancia un cogomelo deste tipo, que tamén se avermella ou pardece un pouco no pé e ten grandes escamas un pouco desfarrapadas. Déuselle o nome latino de Chlorophyllum brunneum. Víuse que cando se consome pode causar intoxicacións, graves nalgunhas persoas, colapsando os rils, o que pode desencadear a morte (Portugal e Galiza).

    Por esta razón, a antiga máxima de que as zarrotas, cogordos, cogordóns, choupíns... non son tóxicos cando miden máis de 10 cm de diámetro, o pé é groso e presentan o anel grande e móbil habería que matizalo. Ademais, as escamas deben ser pardas e dispostas concentricamente a partir dunha grosa calota central e o pé ten que posuir riscas, cebraduras, transversais.

    Pode avermellarse un pouco ao tocalo en Macrolepiota permixta, ou non, en Macrolepiota procera, con todo ambas son comestibles, salvo intolerancias persoais.

    O resto das especies semellantes é mellor ignoralas porque son máis pequenas e teñen pouca carne. Non merece a pena arriscarse con elas.

    Esta discusión permite tamén ver a importancia dos nomes científicos, xa que por un lado, varios nomes populares poden aplicarse á mesma especie segundo a zona, e por outro, un mesmo nome popular pode referirse a varias especies diferentes.

    Desfrute dos cogomelos, non arrisque con eles!

    20 sep 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.