Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 29 noviembre 2022
10:35
h

Comer menos e mellor

    ACORDÁBASE de cando na súa xuventude, ela e as outra mulleres como ela querían estar máis brancas e menos fracas. Ían á sega e aos traballos do agro con sombreiro e pano tapando a cara e o corpo para seguir coa pel branquiña, que era como gustaba, como lucía e como namoraba. Os homes tamén querían estar brancos e gordos, dous sinais inequívocos de felicidade e de saúde. Dous motivos para gustar e para facer ver que eran de casa boa.

    Os mariñeiros viñan negros do mar, os labregos chegaban do monte coa eixada no lombo, abafados e negros de cavar. E os mineiros, como viñan? Andaban negros como os carboeiros, como a xente pobre que miraba e miraba e non era quen de achegarse á fartura. A investigadora Saioa López, da Universidade do País Vasco, di que a cor da pel das persoas varía segundo a latitude, de tal forma que os individuos que viven en latitudes máis baixas téñena máis escura, sen esquecer a capacidade de adaptación aos distintos ambientes.

    E aí está, todo en proceso de cambio. Os homes e as mulleres pelexando para non engordar. As persoas fracas e coa pel ennegrecida polo sol e polo ocio, son as de aspecto saudable. Outras engordan, adquiren un peso excesivo e reducen a mobilidade, creando un ciclo vicioso, para mal da sociedade.

    A Organización Mundial da Saúde (OMS) nos seus informes indica que, nos últimos corenta e cinco anos, a obesidade triplicouse en todo o mundo ata chegar a uns dous mil millóns de adultos con sobrepeso e máis de seiscentos cincuenta mil obesos. En 2016 ao redor do 13% da poboación adulta mundial (un 11% dos homes e un 15% das mulleres) eran obesos. Unha boa parte deles estarán contentos por comer o que queren.

    E os nenos? Se atendemos aos datos, peor. Moitos morren coa fame e outros, varios millóns deles, teñen máis peso do que lles corresponde ou obesidade. Este mundo necesita unha volta e para darlla hai que partir do respecto aos valores da igualdade e da solidariedade.

    En Europa dous terzos das persoas adultas e un terzo dos nenos e nenas viven con moito máis peso do que lles corresponde, mentres as mazás de calidade, as cereixas e as uvas degaxan e cada día pesan menos. Cómpre, pois, como di a Tía Manuela, cambiar os hábitos e os costumes para “comer menos e mellor”. Segundo a OMS hai que facer frecuentemente exercicio físico e ampliar o consumo de froitas e verduras. Que boas son!

    31 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito