Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Con ou sen BONO Cultura

    O pasado 2 de novembro chegaba a data para rexistrarse e obter o bono cultura co que a Xunta de Galicia obsequiaba os vinte mil primeiros cidadáns que quixesen contar cun desconto de cincuenta euros para mercar libros ou música, en definitiva, cultura. Non está mal, máis cando se achegan as compras de Nadal. Moito non é, pero como se adoita dicir... menos dá unha pedra. Así que estes días vense nas librarías circular os bonos a todo gas. Supoñen o 50% de desconto na compra e o peto agradece algunha que outra destas vantaxes. Como tamén se agradecen os descontos anunciados para o día 11 de novembro, día das librarías.

    Con ou sen bono, hai que mercar e regalar cultura. Un bo libro que nos acompañe nas tardes de sofá e chuvia coas que nos acostuma a castigar o mes de novembro é a mellor decisión que podemos tomar. Sexa o último premio Planeta ou un fermoso libro ilustrado coma o de Ana de las tejas verdes, de Lucy Maud MontGomery. Hai un par de días merquei para un agasallo precisamente Lejos de Luisiana, de Luz Gabás. Agardo opinión para tomar a decisión de lelo.

    Ó estilo da dama que describe o modernista Rubén Darío no seu poema titulado De invierno, acurrúcome na chaise longue e déixome levar pola historia que teño entre as mans, afastándome da realidade cun dos últimos libros que me regalaron e que acaba de recibir un recoñececemento tan importante coma é o Premio Nacional de Literatura do 2022: As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. En troques da estola de pel que lucía Carolina, tápome cunha mantiña... non tanto polo frío, xa que a calefacción está acesa, como por sentir o tacto do veludo na pel.

    Nestes días de sofá nos que a chuvia obriga a pasar máis tempo dentro que fóra da casa, podemos gozar do pracer da lectura, deixando que as palabras nos agarimen como acompañaban nas horas mortas daquel confinamento que xa parece moi afastado e que compaxinabamos co cine a través dalgunhas plataformas como Netflix ou HBO.

    A felicidade tamén chega a través da palabra escrita, cos libros, por medio da cultura que compartimos, de aí a importacia de investir en bonos e medidas deste tipo. Trátase de que esa ledicia que sentimos ás veces vivindo as historias que lemos nos asolague os momentos cotiás, posto que son das que pensan que o verdadeiramente importante está nesas pequenas cousas, como digo sempre.

    Nese bico perfecto, o que se dá no momento máis inesperado (“un beso detiene la imagen en el tiempo, la foto, el detalle, el sabor, el carácter de la persona que te ha besado. Y siempre te quedará de ella ese momento único, especial, irrepetible, ese instante de felicidad”, dicía F. Moccia), no brinde polo futuro (sincero e esperanzado, crendo que un mañá mellor é posible), nun chiscar de ollos da persoa que gardamos no corazón, nunha aperta entre irmáns (que se queren por riba de todo), no agarimo dos que te viron nacer e dan a vida por ti cada día.

    Lembrando agora a Cunqueiro, recordemos que o escritor de Mondoñedo tamén dicía que a humanidade precisa, coma quen bebe auga, beber soños. Eses soños están a miúdo nos libros, sexan en papel ou en formato electrónico. Amigos, a ler! Soñemos. Bebamos. Hai tanta literatura que degustar... Con descontos ou sen eles. Tamén existen as bibliotecas!

    15 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.