Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Confusión autonómica

    Nestes dous meses longos, camiño de alongarse polo menos un mes máis, de pandemia coronavírica, parece que nos decatamos dalgunhas cousas importantes. Por exemplo, de que a sanidade española non era a mellor do mundo, quizais si nos seus valores de sanidade pública e universal, e na entrega dos seus profesionais, pero non desde logo nos seus recursos humanos e materiais: quedaran moi minguados na crise anterior, a dos virus inmobiliarios e financeiros (daquela, por certo, soubemos que tampouco a banca española era a máis sólida do mundo, por moito que Rodríguez Zapatero insistise).

    Da debilidade crónica do Estado das autonomías quizais xa nos decatáramos antes, pero, por se quedaba alguén sen advertilo, a xestión da pandemia tamén contribúe a poñelo de manifesto, e non tanto polo feito de que se xestione a través dun mando central que intenta unificar decisións, como polo comportamento dalgúns gobernos autonómicos á hora de executar esas decisións. Curiosamente, algúns dos que sempre tenderon a recentralizar o Estado (e que na crise anterior, a financeira, acumularon nas autonomías o maior peso dos recortes e, como consecuencia, os maiores índices de impopularidade) agora claman contra a centralización do mando, mentres algúns gobernos autonómicos fan a guerra pola súa conta, fan as contas ao seu xeito, causando ou contribuíndo á confusión estatística, e, cando chega o momento da desescalada gradual, actúan en plan competitivo, a ver quen chega antes ao encontro na terceira fase.

    A proliferación de reunións telemáticas entre presidentes do goberno central e dos gobernos autonómicos (aínda non entendo por que non se celebran antes de que Sánchez anuncie as súas decisións, de maneira que os demais poidan, polo menos, dar a sensación de que participan na súa elaboración) e entre ministros e conselleiros (Sanidade principalmente) parece que non serven para chegar a un clima de colaboración entre gobernantes que teoricamente perseguen o mesmo obxectivo nunha situación de emerxencia que require unidade de acción. A impresión é que, aínda que case todos presuman de lealdade institucional, faltan precisamente mecanismos institucionais consistentes para acordar unha verdadeira colaboración desde o compromiso e a fidelidade mutua. Nin a conferencia de presidentes (que non pasa de ser consultiva ou simplemente informativa, ademais de non celebrarse periodicamente) nin as conferencias sectoriais parece que cubran esa necesidade. Ou non son tomadas en serio polos propios que as integran.

    Quizais do exemplo de Alemaña (boa xestión dos länders baixo a coordinación federal, aínda que empeza a haber problemas de entendemento coa desescalada) poidan sacarse leccións para o futuro pospandémico en España. Polo menos para non seguir presumindo de que o Estado das autonomías foi unha solución imaxinativa para un problema de séculos (non tantos como algúns contan, pero si herdado dos tempos decimonónicos da configuración de nacións soberanas) e deixalo en que foi unha solución provisional, dadas as circunstancias nas que se elaborou a Constitución, que se converteu nunha provisionalidade permanente. De momento, non hai maneira de desfacer o empate entre os que consideran o marco constitucional como un punto de partida e os que o ven como unha meta de chegada definitiva. Ou sexa, gaña a inmobilidade.

    16 may 2020 / 12:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito