Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Contas pendentes co pasado

    Aínda están a celebrarse xuízos en Alemaña contra presuntos culpábeis de participar no xenocidio perpetrado polo goberno nazi contra xudeus, xitanos, homosexuais, vermellos en xeral e diversos outros colectivos aos que consideraban indesexábeis. Nestes días -e desde o pasado mes de outubro- transcorren as sesións de dous xuízos, un contra unha muller de 96 anos, que fora secretaria no campo de concentración de Stutthof (Polonia), no que se estima que morreron unhas 65.000 persoas, e outro contra un home que cumpriu os 101 anos en plena sesión e ao que se lle acusa de colaborar no asasinato de 3.518 prisioneiros no campo de concentración de Sachsenhausen, próximo a Berlín, no que foi garda das SS.

    Contas pendentes co pasado, como as que colean en case todos os países, e que se van arrastrando entre receos e tensións, que se van resolvendo como se pode, segundo vai evolucionando a correlación de forzas entre verdugos e vítimas, entre vencedores e vencidos. Especialmente dolorosas e enquistadas cando son contas pendentes de guerras civís, aínda que teña pasado século e medio como no caso de Estados Unidos. Pero tamén enzoufan a dignidade colectiva os abusos e humillacións -sufridos ou cometidos-, non só na mesma sociedade, senón tamén contra outros países. Determinados comportamentos de determinados representantes da Igrexa Católica ou de case todas as potencias colonialistas, por exemplo, contribuíron a sementar indignidades, mágoas e odios nas súas sociedades e polo mundo adiante.

    En España aínda están por dixerirse as secuelas da guerra civil e do réxime franquista. Non hai xuízos polos crimes da ditadura, porque a lei de amnistía da Transición -promovida pola esquerda para sacar do cárcere aos presos antifranquistas- serviu tamén como lei de punto final para non xulgar aos responsábeis da represión. Trinta anos despois daquela amnistía aprobouse unha lei de memoria histórica, que trataba de completar os recoñecementos e satisfaccións ás vítimas que non se puideron atender nos momentos da transición. Había entón outras urxencias e sempre había quen consideraba que se abrían feridas cando alguén pretendía enterrar dignamente aos seus mortos (os das cunetas e as fosas comúns) ou cando se consideraba que xa era momento de rematar coa exaltación faraónica dos restos do ditador. Pero sempre había outras urxencias, sobre todo cando gobernaba a dereita. Catorce anos despois da lei da memoria histórica, un novo proxecto de lei, denominado da memoria democrática, trata de seguir completando a reparación interminábel por feridas que parece que nunca van cicatrizar. E pendentes de cerrar esas feridas, hai que axustar tamén contas cun pasado máis próximo, o do terrorismo etarra, que algúns aproveitan para acantoar as contas do franquismo no faiado do subconsciente, como se o terrorismo etarra non formase parte da herdanza maldita da longa noite de pedra.

    En Arxentina, aínda están a buscar fillos roubados ás nais torturadas e asasinadas polos militares durante a súa ditadura do 1976 a 1983. Seguen as reclamacións contra o estado xaponés pola escravitude sexual a que o seu exército imperial someteu a unhas 200.000 mulleres asiáticas (de China e Corea, especialmente) durante a Segunda Guerra Mundial. Recordar en Turquía o exterminio de máis dun millón de armenios na Primeira Guerra Mundial é un delito e algúns pagan coa súa vida (como o xornalista Hrant Dink no 2007) ou co exilio (como o novelista Orhan Pamuk). Exemplos de contas pendentes con pasados que se queren ocultar ou manipular. Que seguen como feridas abertas na convivencia entre sectores sociais ou entre países, polo menos mentres non haxa unha verdadeira vontade de reconciliación (con críticas e autocríticas en todos os bandos implicados).

    Xosé A. Gaciño

    10 dic 2021 / 11:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito