Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Contradicións da política económica española

    É previsíbel que a política económica subvencionadora do Goberno actual veña acompañada dalgún problema económico no futuro inmediato? A resposta ven da mao do exame non só do seu contido senón do exame da orixe da financiación desas medidas. Se non proceden dun aumento certo e contínuo dos ingresos públicos, á forza van engrosar o pozo da débeda pública que non deixou de aumentar: resultado da crise pandémica, da caída considerábel da capacidade produtiva e da conseguinte retracción do consumo (só faltaba a inflación no panorama).

    O aumento por espasmos do ingreso público en determinados rubros, non é garantía de que ao remate do período de suspensión das regras fiscais, cando alguén exterior ao goberno (a UE) mande parar, a contención do gasto pasará a ser tan traumática como a que coñecimos na última recente crise, coñecida como política de recortes.

    Cal é a causa da que consideramos política económica disparatada e hipertensionada do Goberno español? Por exemplo, non regulamentar nen controlar prácticas abusivas de bancos, eléctricas, distribuidoras de combustíbeis, empresas posuidoras de vivendas no mercado da especulación, compañías de telefonía con abuso de poder, empresas especuladoras cos alimentos...

    E, a seguir, empregar fondos públicos para axudas lineais (sen discriminar por renda) para paliar os efeitos da crise ou soster con subsidios situacións de estafa social. Non é posíbel que as empresas citadas teñan unha política de subministros e prezos axeitada ás necesidade económicas do momento?

    Son os fondos públicos, mesmo os que non existen e incrementan a débeda pública, a única solución aos problemas económicos do presente? A causa directa é política, e as decisións políticas poden obedecer á execución dun programa económico con maior ou menor coherencia interna ou á necesidade de lle facer fronte a unha grande crise inesperada a base de paliar o desastre social inmediato.

    Sabemos que a fortaleza institucional e de exercicio do poder político do Estado español non é, nen foi, da robustez que sería desexábel para gobernar o destino dunha economía do tamaño e composición da española.

    En primeiro termo, a complexidade nacional do Estado nunca foi asumida como tal, senón como composición territorial diversa a aniquilar, en aras dunha uniformidade desexada e nunca conseguida; diríamos: o que non é, non é, e ademais non pode ser.

    En segundo lugar, a preponderancia do poder económico e de influencia política directa dos grandes monopolios que dominan sectores chave da economía, constitúe un continuo histórico con prolongación no presente de maneira pornográfica; dáse de dúas formas: eufemisticamente, cando sae á luz o intercambio persoal de actores, chámanlle portas xiratorias, e, cando inflúen, liberdade de expresión.

    E en terceiro lugar, o débito intra-goberno á esquerda española con hábito de regalar o que non posúe para, supostamente, gañar a partida á ortodoxia de política económica liberal europea.

    O fiasco fica de manifesto nos intentos ridículos de paliar as tensións inflacionistas a base de aumentar as subvencións a destra e sinistra, no camiño do sinistro total.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.