Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Control de calidade nos concellos

    As normas de control da calidade (en realidade todos os procesos de calidade) na industria e na construción son xa unha especialidade da tecnoloxía na produción industrial. Hai unha máxima que de forma moi sintética resume un bon proceso de control da calidade: a excelencia na calidade é lograla á primeira vez. Facer ben un traballo, un proceso ou un produto, á primeira vez, é a mellor mostra de calidade, co menor custo posíbel. Na industria este logro requiriu moitos anos de investigación e probas para acadar o nível de calidade buscado. Nos procesos de produción dos servizos públicos tamén hai medidas da calidade: no contido do servizo, na forma de se relacionar cos cidadáns, na adecuación do custo ao prezo público e ao orzamento, no control da institución pública sobre o rendemento do servizo. Nas Universidades, nos Concellos, e noutros ámbitos da administración pública estabelécense normas certificadas de control da calidade. A USC por exemplo, tivo hai anos un certificado, avaliado por unha empresa especialista en certificación (AENOR), á excelencia na organización e prestación dos seus servizos administrativos. Descoñezo se o segue mantendo xa que estes certificados caducan, como é lóxico, e precisan demostrar período a período a súa vixencia. O Concello de Castelló, por exemplo ten certificado de control do seu servizo de augas feito-como se fai sempre-por unha empresa certificadora internacional (SGS, neste caso), o concello de Bilbao ten desde 2013 o certificado ISO 50001(AENOR) de xestión do subministro e gasto de enerxía en todas as instalacións deportivas municipais, é dicer se certifica que se tivo optimizado o proceso de xestión para o uso correcto da enerxía. (Certificado á parte o logro primeiro foi aforrar o 24% o consumo enerxético nesas instalacións). Os controis de calidade externos á propia administración obrigan á institución local da que estamos tratando, a unha elaboración interna de deseño dos procesos orientados da mellor forma posíbel ao cumprimento das funcións públicas. Hai unha grande listaxe de certificacións específicas para as administracións públicas. En concreto as axencias de certificación antes citadas clasifícanas nos apartados de: administración enfocada ao cidadán; desenvolvemento económico, cidades intelixentes; axenda dixital; transparencia e responsabilidade social; cambio climático e eficiencia enerxética; transformación organizativa e liderado. Poderíase argumentar que o feito de ter certificados en activo non é garantía de servizo adecuado, aceptamos a dúbida, pero na sociedade actual as certificacións tanto de institucións públicas(un título de graduado universitario por exemplo ou de doutor) son imprescindíbeis para o exercicio facultativo da profesión causa de certificado. Os certificados de calidade cualificados por empresas con licencia legal para o seu exercicio son garantía cando menos de preocupación institucional polo traballo ben feito, con proba pública. Nalgúns concellos que coñecemos no noso país é tal o atraso en calidade do servizo, que a só proposta de conseguir un certificado externo, supón un reto inasumíbel.

    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.