Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Contubernios

    POR culpa da celebración das eleccións de Andalucía esquecémonos de celebrar o 60 aniversario do Congreso de Múnich. Tanta sona tivo que pasou á historia como o “Contubernio” (por antonomasia), porque resulta que alí se xuntou a oposición (do exterior e do interior) á ditadura de Franco, excepto “los totalitarios de los dos bandos”, como dixera daquela don Salvador de Madariaga. Tratábase de atopar o camiño de volta á democracia poñendo “fin al discurso del odio” (expresión que agora se oe moito pero xa era fraseoloxía daquel momento) e pedindo a cooperación de Europa para conseguilo.

    A insoportable levidade do tema da Transición gañaría moito concepto se empezásemos por aquel Congreso/Contubernio, pero parece que hai un contubernio de facedores (fozadores) da historia que ignoran todo o que hai máis atrás da morte (na cama) de Franco. Menos mal que estes días anda por aí Óscar Alzaga cun seu libro –La conquista de la Transición– no que seica profundou os sete profundares na materia. Porque don Óscar sempre tivo ese complexo de superioridade que acaba facendo cómico a algún constitucionalista que fai de si mesmo unha constitución. Un rex (de lex) Sol: o dereito constitucional son eu, e Adolfo Suárez era un analfabeto.

    Pero a soberbia intelectual é compatible –nalgúns casos– coa intelixencia, e Alzaga ter tena. Afina moito cando distingue entre a Transición e o Transitar. A primeira é en última análise unha cousa xurídico-política no punto da morte do ditador, pero o Transitar é un sentido direccional que xa traía a sociedade española desde ben atrás (desde antes do “Contubernio” se cadra), e os homes (non houbo mulleres) de Múnich xa sabían que a gran forza de tracción e transición non estaba nin en rei nin en roque senón no “estrato social sumergido, con toda la clase obrera dentro”, como dixo un dos participantes máis movidos do episodio muniqués, Dionisio Ridruejo, personaxe aínda hoxe intragable para os historiadores que rumian xesta e secta.

    “Quizá sorprenda que yo aparezca aquí ahora como demócrata apasionado cuando fui apasionado falangista en 1936”, dixo Ridruejo guindando a súa modesta paráfrase de toda a ciencia politolóxica desde Aristóteles a Dennis Thompson. Pero sesenta anos despois aínda hai algúns rojos moi afeitos ás líneas rojas.

    As nosas inocentes politólogas tratan de saber o que é a España de hoxe profundando na análise dos resultados da noite do pasado domingo en Sevilla. Malpocadas: non saben que, para facer unha boa hermenéutica da España de hoxe e de onte, a onde hai que ir é a Múnich. O que pasa é que neste país aínda hai políticos e politólogos que gañan o pan facendo contubernios contra o “Contubernio”.

    24 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito