Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

COP 27, autoestrada cara ao inferno

DESDE o día 6 ata o 18 de novembro estanse a reunir no balneario de Sharm El-Sheikh en Exipto os líderes mundiais (con importante ausencias, como os de China e Rusia) para tentar adoptar medidas concretas que fagan realidade as propostas da COP 25, que tivo lugar en París hai dous anos, coa finalidade de conseguir que a temperatura do planeta non aumente máis aló de 1,5ºC, que na reunión de Glasgow do ano seguinte (COP 26) se perfilaron e definiron mellor.

Os dous primeiros días da COP 27 centráronse nos discursos dos principais mandatarios, entre os que destacaría o de Guterres, secretario xeral da ONU, quen nos advertiu, nun ton francamente apocalíptico, que se seguemos coa situación actual, o mundo estaría a camiñar por unha “autoestrada cara ao inferno”, sentenza que mesmo a propia Von der Leyden tomou como súa.

Deixando a un lado eses excesos verbais de predicador misioneiro e a falta de realismo que implica propoñer como obxectivo un incremento da temperatura que non se vai poder cumprir, estamos de verdade nunha situación límite do planeta? Todo apunta a que se os gases con efecto invernadoiro seguen a amorearse ao ritmo actual, o quecemento da atmosfera acadará cada vez niveis máis difíciles de soportar polas comunidades humanas e, sobre todo, os eventos extremos provocados por mecanismos que aínda non se comprenden moi ben, serán cada vez máis frecuentes. Isto significa que aos nosos fillos e netos lles deixariamos un mundo no que sería cada vez máis difícil de conseguir unha situación de confort climático.

A ONU, nun informe previo á COP 27, aseguraba que a curva de crecemento do dióxido de carbono na atmosfera “comezaba a dobregarse” e que xa non aumentaba ao ritmo que o fixera había algúns anos, o cal era un sinal de que a humanidade estaba a reaccionar fronte á inminencia do desastre. De todas maneiras, ao meu ver, a situación non se pode mirar con tan bos ollos, aínda que efectivamente semella que se produciu unha certa atenuación do ritmo de incremento do CO2. Así, se consideramos o que pasou nos dous últimos anos vemos que as emisións do ano 2020, como consecuencia da pandemia, sufriron un descenso moi importante (de -1.9 Gt sobre o valor medio do período 1900-2021). Porén, nas do ano seguinte, o 2021, aumentaron como nunca o fixeran antes (+2.1 Gt), acadando o máximo incremento anual de toda a serie de medidas, como consecuencia das acción extraordinarias de apoio financeiro postas en marcha para recuperar a economía.

Deste ano 2022 aínda non hai datos, pero todo apunta a que, de novo, pode haber un descenso das emisións como consecuencia da crise enerxética derivada da guerra de Ucraína. Por todo isto, habería que concluír que só factores externos (pandemias, guerras, etc.) son os únicos axentes que actúan con efectividade sobre este problema planetario. O resto das medidas son pequenos remendos, que as políticas a curto prazo dos gobernos van aceptando e aplicando con bastantes dificultades.

Só un cambio importante en relación con noso nivel de confort e unha actitude decidida cara ás ofertas políticas dos partidos podería movelos a actuar con medidas de máis longo percorrido. Por iso, o veterano e recoñecido experto en sistemas enerxéticos Vaclav Smil, afirmaba, dirixíndose aos norteamericanos, que a solución a estes problemas pasaría sempre por unha redución nos consumos enerxéticos persoais e mesmo propoñía como alternativa “volver vivir como en 1964”. Despois de todo, continuaba, nos EEUU consómese o dobre de enerxía per capita que en Europa e, certamente, “non son o dobre de felices”.

Sen pedir tanto, estimo que os primeiros e máis seguros pasos para o control das emisións pasarían polos compromisos persoais cara a un nivel de vida menos desbaldidor. Despois, estaría o desenvolvemento das enerxías renovables nas que, agora si, os gobernos e as empresas terían un papel decisivo. Pero, de novo, habería un factor persoal que cómpre considerar en relación cos movementos ambientalistas e localistas que están a crear serios problemas de viabilidade para moitas destas instalacións.

É moi loable e desexable poder gozar dunha paisaxe pura e de limpos horizontes ao tempo que escoitamos os chíos dos paxariños polas mañás pero, ás veces, temos que admitir un certo grao de deturpación das nosas ilusións porque non sempre é posible conxugar os intereses locais cos globais.

E se hai que escoller, teño claro que os intereses planetarios, a xustiza climática, en definitiva, ten a prioridade.

14 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito