Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Corenta anos de atonía

    “...SABEDES o que vos digo, que se a autonomía non se nota aquí, no peto, non serve para nada”. Quen así falou no Parlamento foi o deputado de AP Xoán Carreira Gómez.

    Estabamos na I lexislatura e o dirixente agrario era a primeira vez que subía ao estrado. Tiña que falar dos montes. Comezou a ler un papel, pero púxose nervioso. Pronunciou esa frase e deu a súa intervención por rematada.

    Corenta anos despois de terse aprobado o Estatuto, podemos afirmar que serviu para mellorarnos a vida? Que vivimos moito mellor, ninguén o nega. Pero non só Galiza, senón a maioría dos pobos da nosa parte do mundo!

    O pasado día sete, nunha editorial deste xornal, podía lerse unha restra de consideracións nas que Galiza seguía a estar marxinada ou non tiña competencias para defender os seus intereses. Non a vou reproducir, só engadirei que tampouco o Estatuto foi quen de darlle ao idioma e a cultura galega o seu status necesario. Mesmo perdeu, na práctica, a súa categoría de “nacionalidade histórica”, que nos diferenciaba.

    Non hai que botarlle a culpa aos atrancos que puxeron en Madrid para tramitalo, nin a aldraxe, nin ao 23-F, nin a LOHAPA, nin sequera ao pouco entusiasmo mostrado por parte da cidadanía. Nin sequera a falta de competencias ou que o Estatuto xa non se adapte á realidade.

    Pódennos “outorgar”, pois esa é a súa característica, un Estatuto de primeira, con todas as competencias que teñen vascos e cataláns, nunha equiparación lóxica, que a nosa situación non variaría case nada. Pois o problema está en que os que gobernaron, case sen interrupción estes corenta anos, non creen na autonomía, nin están dispostos a defender os nosos intereses e dereitos fronte ao Reino de España e a UE.

    E non falo só de UCD, AP, PP ou mesmo o PSOE (lembren o papel Francisco Vázquez e os seus), senón tamén a maioría da nosa clase dirixente, comezado pola económica. Se estou a favor de que se reforme o Estatuto é porque os menores de 55 anos non o votaron e teñen dereito a marcar o seu camiño.

    Pero, se non cremos en Nós, de pouco serven as leis.

    10 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito