Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENQUANTO HÁ FORÇA

Corenta anos de desgaste xeral

    Hai corenta anos (23 de maio do 1982), o impresionante triunfo socialista nas eleccións ao primeiro Parlamento de Andalucía (66 escanos do total de 109) foi o preámbulo da non menos impresionante vitoria do PSOE nas eleccións xerais que se celebraron cinco meses despois, o 28 de outubro do 1982: 202 escanos do total de 350 no Congreso dos Deputados. Hoxe, nas vésperas dunhas novas eleccións autonómicas andaluzas (o próximo 19 de xuño), as perspectivas son moi diferentes.

    Despois de gobernar Andalucía ininterrompidamente durante case trinta e sete anos (con maiorías absolutas ou con maiorías relativas, mesmo sen maioría, en solitario ou en coalicións con andalucistas ou con Izquierda Unida), os socialistas, tras as eleccións do 2 de decembro do 2018, foron desprazados do goberno autonómico por un executivo de coalición PP-Ciudadanos, que contou co apoio parlamentario de Vox, e que ven de cumprir a súa primeira lexislatura con seis meses de adianto.

    Todas as sondaxes apuntan que o Partido Popular será agora a forza máis votada, desde logo non coa rotundidade coa que os socialistas gañaron hai corenta anos (esas maiorías xa non se ven máis que no Vigo das luces). O seu obxectivo máis optimista é acadar o que chaman unha maioría suficiente: conseguir máis escanos que a suma das esquerdas para non ter que incluír a Vox no goberno.

    Aínda que ninguén (sobre todo os do PP) recorde xa a Pablo Casado (defenestrado nun cumio de baróns territoriais na mesma noite/madrugada en que Putin mandou ao seu exército uniformado a invadir Ucraína), este adianto electoral andaluz segue a cumprir a estratexia casadista de avanzar cara a La Moncloa a golpe de convocatorias autonómicas que fosen ampliando o poder electoral do PP e creando un ambiente de reconquista do poder. Comezou en Madrid, o 4 de maio do 2021, como reacción case inmediata á chapuza de moción de censura fracasada en Murcia presentada polo PSOE e Ciudadanos (que parece que aínda non se decatara de que estaba en descomposición). O PP, fagocitando a Ciudadanos, obtivo en Madrid un triunfo suficiente (non necesitou a Vox no goberno: xa bastaba con Díaz Ayuso). Non lles saíu tan ben en Castela e León, que xa é o primeiro ensaio de coalición coa ultradereita. A ver como segue a estratexia coas eleccións andaluzas.

    Hai corenta anos, os socialistas asumiron os desexos de cambio dunha gran maioría de cidadáns para deixar atrás un pasado lamentábel. Tras unha transición máis crispada do que queremos recordar, as dereitas non foran capaces de superar o seu propio pasado e mesmo sacrificaron a quen si parecía capaz de facelo (Adolfo Suárez). Aquela euforia progresista, que deu pasos importantes para modernizar o país e incorporalo ao ámbito europeo, foi desgastándose polo exercicio do poder, que nunca pode satisfacer a todos nin tampouco pode cumprir todo o que se propón, e que sempre, en maior ou menor medida, resulta contaminado pola corrupción.

    O problema é que, nestes corenta anos, o desgaste e a corrupción non afectou só aos socialistas. Tamén afectou ao PP e a outros partidos en diferentes niveis e mesmo á institución que asume por herdanza a xefatura do Estado, mentres que as alternativas de renovación que xurdiron nos últimos anos, á dereita e á esquerda, se desgastaron máis rapidamente (tanto que non lles deu tempo de caer na corrupción), deixando o campo libre ao populismo máis reaccionario para acoller os votos do descontento máis desinformado.

    Esta vez, mellor que as eleccións andaluzas non sexan preámbulo de nada.

    Xosé A. Gaciño

    12 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito