Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Correr (a escola)

    AÍNDA que, como temos visto nas dúas columnas anteriores, o mapa italiano correspondente a “latar” está moi lonxe de ser universal, formando un claro mosaico, queremos rematar xa nesta columna co tema. Acabamos de ver unhas claras preferencias léxicas que non esgotan a variedade. Co verbo far, fare, aínda quedan por comentar lippe, fughino, berna, vela (moi sardo), manca, salina, scapola.

    Un siciliano estará buscando os seus caliarsela e buttarsela. E todos nós lamentamos a ausencia de datos corsos que a par de interesantes por si mesmos darían un cadro aínda máis rechamante.

    Chama a atención o que acade nun centro máis compacto como é Roma: (far sega), cando se responde á pregunta “Que expresión se oe normalmente na túa cidade ou no teu pobo para non ir á escola inxustificadamente?”. A expresión dispérsase ó chou pola península cunha lixeira concentración no vale medio do Po, pero os falantes percíbena como italiano do centro, falando da escola.

    Literalmente a expresión significa “serrar” xa que sega, entre outros significados aquí permisibles é ‘serra de man’. Que levou serrar a latar? Ninguén dá una resposta minimamente lóxica.

    Os napolitanos encabezan o dicir practicamente meridional far filone, que podíamos traducir por “escapar” ou, quizais mellor, por un máis conversacional e familiar “afiar”, acepción que non recolle o Dicionario da RAG ‘irse, escapar con presa’.

    Ese far filone, polo tanto, nada ten que ver coa denominación familiar dun tipo de pan, como ‘barra’, senón con acepcións do verbo filare italiano, “alimpar, “limpar”, “pulirse”. Sentidos que casan moi ben cos desexos dos nenos pequenos que queren rápido ir lonxe da escola. Tampouco agora esa especial acepción do verbo limpar “escapar”, está recollida na RAG.

    Lendo estas liñas os profesores piemonteses da nosa universidade protestarían ó botaren en falta o seu familiar tagliare, que na idea fundamental coincide co noso “cortar”, modo brusco de andar lonxe da escola. Os do Noreste, Bolzano, Venecia Xulia, vanse por un máis radical bruciare, e dicir, “queimar’, fare forca para “latar” parece que continúa a escalada desta violencia, pero non, a idea, a metáfora, é a da ‘forcada de dous gallos’ que permite “saltar, achancar” por riba da clase. De todos os xeitos non convén esquecer que de Bérgamo cara o norte falan de impicare e este si significa “aforcar”.

    Se os piemonteses se identificaban máis co seu tagliare, os lombardes a pesar da proximidade non o aceptan e vanse por un escuro, en canto a orixe, bigiare, verbo talmente arraigado que non se limita á súa acepción primeira e principal, marinare la scuola, senón que a súa viveza permite saltar a misa, unha reunión, unha cita, etc.

    20 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.