Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Coutos micolóxicos en Galicia

    HAI anos falábase de que coa afluencia de afecionados aos cogomelos acabaríase acoutando o monte, como xa pasara coa caza ou no mar, co marisco. Ese momento chegou. No decreto 50/2014 e no corrixido, 73/2020 do 24 de abril, relativo a aproveitamentos forestais no monte galego aparece a figura do couto micolóxico. No capítulo sexto, artigo 55 lexíslase o acoutamento de zonas para apaña de cogomelos.

    É lóxico que así se faga porque os propietarios do monte, particulares, estado ou comuneiros, son os donos do que alí se produce e son quen para rentabilizar esa produción se así o consideran oportuno.

    Ademais, hai persoas que pensan que o monte é de todos e non teñen o máis mínimo cuidado nel: tiran pedras dos balados ao saltalos, non fechan as cancelas cando no interior pode haber gando, anciñan o solo, deixan lixo tirado... Isto levou a que cando se redactou o decreto se tivera en conta a propiedade privada em relación cos cogomelos.

    Teñen dono porque os fungos produtores de cogomelos non se plantan, pero viven asociados ás árbores que alguén si plantou, cuida e paga impostos por elas. Se as retira, pérdense tamén os cogomelos, así que hai unha relación directa entre o propietario e a produción micolóxica, un pouco diferente do que ocorre coa caza, que simplemente pasa polo lugar, e ninguén se queixa de que esta estexa regulada.

    Hoxe en Galicia existen algo máis de 8.000 hectáreas acoutadas en 24 montes: 11 na Coruña, 7 en Lugo, 4 en Ourense e 2 en Pontevedra, dos cales hai 13 rexistrados por Comunidades de Montes, un pola administración e 10 por particulares (datos XUGA, 2020). Estes coutos deben estar aprobados pola Administración, previa solicitude reglada que ha de ser presentada na XUGA e aceptados por ela.

    Para facer uso do couto é necesario adquirir un permiso, diario ou semanal, diante do seu xestor e, desde logo, facer uso del aténdose as normas que poida engadir o propietario e que indica a lexislación vixente, é dicir, apañar só durante o día, arrincar os espécimes e non cortalos, non usar ningún instrumento agresivo para o solo, como angazos ou eixadas, e apañar un máximo de 2 quilos por persoa e dia, entre outras normas que indica o decreto.

    A regulamentación que levanta máis controversia entre os afeccionados é “se apañar ou cortar” os exemplares. Débense arrincar completos por tres razóns. A primeira, para cumprir a lei, a segunda, para poder identificar con seguridade a especie porque, cando se deixan elementos no solo, o recoñecemento pode levar a confusión, e terceira, por unha cuestión de saúde do fungo.

    Ao deixar un cacho apodrecendo sobre o micelio facilítase unha vía de entrada para bacterias e fungos parásitos, que poden destruir os ápices do micelio e, en consecuencia, ser a causa de que tarde moito en volver a producir cogomelos.

    Os micelios non son raíces, así que nada ten que ver o que quede alí un cacho para producir máis. A ninguén se lle ocorre preocuparse por deixar os rabos das cereixas cando as recolle. Neste caso tamén se trata de frutificacións.

    Para saber onde hai coutos en Galicia e o seu funcionamento pódese consultar a páxina https://mycogalicia.com/coutos/, onde de xeito gratuito se poden inscribir os administradores deles e poden ser aconsellados na xestión dos mesmos.

    19 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.