Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cretinos na pandemia

    Pandemia.

    Sempre me soou a algo lonxano, a outra época, a aquela negrura de peste da Idade Media que, paradoxalmente, tinguira todo de cal branca; a aquela gripe española de comezos do século XX que nos deixou montóns de fotografías de persoas con máscaras, tentando evitar o contaxio. Pandemia. Da verba grega pándēmos ou, máis ou menos, “aquilo que afecta a todo un pobo”. E certo que desde marzo do ano pasado sabemos ben que estamos ante unha enfermidade que se estende a todos os países e que está a afectar á poboación do mundo enteiro, sen excepcións. Polo menos, deberiamos sabelo.

    Ocorre que hai moito negacionista que non ten reparos en afirmar que todo é un conto, mais tamén moito cretino que, non é que non se entere de nada, senón que pasa de todo. Cretinos que, malia que estaba caíndo na que se chamou segunda onda; malia as advertencias médicas e políticas –aínda que, lamentablemente, algúns andaban máis preocupados por salvar as festas–, decidiron non deixar de facer comidas e ceas no Nadal, invitando ás súas casas a todo becho vivente. Cretinos que non deixaron de ir de bares e de copas cada día, así tronase ou fixese un frío do demo, compartindo apertas e fumes de cigarros varios.

    Onde quedou logo a responsabilidade individual? Nos pousavasos da cervexa. E a colectiva? Nas películas de cinema de ficción, como aquela esaxeradísima O día de mañá ou nas culpas que se pretende botar a todas horas a outros responsables políticos, xogando sen pudor ao escapismo.

    E con tanto cretino chegamos a onde estamos hoxe: na miña cidade, coas salas de críticos desbordadas, derivando ducias de doentes a outros hospitais galegos. Na comunidade, mentres escribo este artigo, con 22.420 casos activos, 242 en uci, 1.778 mortos e milleiros de persoas sen ingresos e desempregadas.

    Por non falar dos tremendos efectos que esta pande-mia vai provocar na nosa saúde mental segundo contan os expertos –poderiamos dicir que en realidade xa os está a provocar–. E ese pesimismo diario, cando cada vez que acendemos a radio ou a tele-visión para escoitar a actualidade só recibimos novas so-bre a pandemia.

    Cada momento histórico ten a súa linguaxe. “Non nos representan”. Lembro ben esta frase. Lembro ben que fora o eslógan máis famoso do 15-M. Era o berro daquelas persoas inconformistas co sistema democrático e que ía dirixido a aquela clase política que vivía fóra da realidade, que non conectaba coa sociedade civil. A min non me gustaba nada esa frase, semellaba unha montaxe, pura pose.

    Debo recoñecer que mudei de idea: hoxe “non me representa” esa cuadrilla de cretinos que ten decidido que
    non lles importa a saúde
    dos demais, que somos inxenuos polas limitacións que
    nos autoimpuxemos, con moita dor, cando decidimos non pasar as festas coas nosas familias porque non nos importaba “salvar o Nadal”. Cretinos que practican iso de “por un momentiño que non me poña a máscara no bus ou no tren, nada vai pasar”.

    Pois si pasa. Moito pasa. Terceira onda. Pandemia a esgalla. Nenas e nenos con-
    taxiados polos seus familiares. E centos de cretinos asolagando os hospitais e os
    centros de saúde.

    03 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito