Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cultivar o asombro

ESTE verán, como todos os veráns, comezamos o día coas novas dos incendios que arrasan a nosa comunidade. Novas que se repiten e que por un día ou dous, enchen as redes de grandes propósitos, protestas e denuncias á política forestal, xestión do monte e outras frontes para revisar con urxencia, pero que seguen sen resolver,

Independentemente das accións que corresponden ás institucións e que certamente son moi deficitarias, algúns titulares xéranme especial desesperación como docente: a participación de menores na orixe de distintos incendios.

Non chega con desesperarse, precisamos mobilizarnos e mobilizar para a acción e o impulso necesario para facelo non pode orixinarse só na escola, aínda que a Axenda 2030 sexa un piar fundamental do currículo, porque a lectura e comprensión dos 17 ODS non convidan á acción. Tampouco o fai a sobreinformación de datos sobre a emerxencia planetaria,á que xa estamos habituados.

A razón fracasa á hora de afrontar os desafíos que se nos presentan: desastres ecolóxicos, desigualdade, cambio climático,...

Só se coida o que se ama, e para amar é necesario asombrarse.

Pensemos por un momento na primeira árbore, animal ou praia que nos veñan á mente: querémolo porque estudamos na aula o valor da biodiversidade e do coidado do planeta ou porque recoñecemos neles unha unión ou afecto que transcende á razón?

Seguramente a resposta está relacionada cunha emoción e é ese sentimento o que nos invita a preocuparnos, respectar e coidar a outras árbores, animais e praias. Aínda máis, seguramente ese afecto acrecentou o noso interese pola flora, fauna e paisaxe que nos envolven.

As vacacións escolares constitúen un momento propicio para que os nenos e nenas sintan simpatía, compaixón, admiración e asombro fronte a contorna que lles rodea e estes afectos serán os que asenten unha base sólida onde os coñecementos que lles mostramos na escola adquiran sentido e significado para eles e elas.

Só o impulso que vén desde a alma pode vincular a emoción coa acción, e é aquí onde o labor das familias é primordial para preparar o camiño cara á conversión ecolóxica das novas xeracións. É en familia onde se asenta o terreo no que cultivar a semente da espiritualidade ecolóxica e son as emocións, o sentido da beleza e o asombro os utensilios cos que preparar esa terra de cultivo.

A bióloga Rachel Carson publicaba en 1956 un artigo titulado Help your child to wonder que se reeditou con outras reflexións tras a morte da autora baixo o título O sentido do asombro, unha excelente guía didáctica sobre como e por que cultivar a capacidade de asombro dos máis novos.

Un “asombro” na dobre acepción do termo inglés “wonder” que integra dous significados, “sorprenderse” e “preguntarse”. Asombro como a sensación de perplexidade que desata a necesidade de coñecer e profundar.

Carson recoñece no asombro e fascinación que xorde ao explorar e contemplar a Natureza un sentido de transcendencia, un algo máis profundo que perdura, que vai máis aló dun xeito agradable de compartir tempos na infancia e que reflicte nestas palabras:

“Aqueles que contemplan a beleza da terra atopan reservas de forza que durarán ata que a vida termine. Hai unha beleza tan simbólica como real na migración das aves, no fluxo e refluxo da marea, nos repregamentos da xema preparada para a primavera. Hai algo infinitamente reparador nos reiterados retrousos da natureza, a garantía de que o amencer vén tras a noite, e a primavera tras o inverno.”

Palabras e significados que todos recoñecemos no patrimonio natural que nos asombrou na nosa nenez, ao que sentimos intimamente unidos e cara ao que nos brota espontaneamente un sentimento de coidado.

Aproveitemos este período estival para cultivar o sentido do asombro e para estimular nos nosos fillos e fillas unha conduta ética ambiental que lles axude a adquirir unha mirada máis profunda e universal do mundo que lles rodea.

Seguro que entre familias e escolas podamos conseguir un futuro máis alentador no que os titulares de verán sexan moi diferentes.

19 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.