Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dama e torres no taboleiro

    SUPOÑO que escoitaron xa dicir moitas veces que en Galicia tiñamos a sorte de contar cun ramallo de escritores extraordinario, que quizais sexan –por número e por calidade– mesmo inesperados nun país tan pequeno. Rosalía, Cunqueiro, Valle-Inclán, Camba, Castelao, Otero Pedrayo, Fole, Pardo Bazán, Torrente Ballester, Celso Emilio, Wenceslao Fernandez Flórez... E case todos tiveron como tema moi principal nas súas obras a visión e a interpretación da súa terra.

    No último ano do bacharelato lin o meu primeiro libro de dona Emilia Pardo Bazán, que era daquela parte da materia de literatura: Los pazos de Ulloa. Quedei moi sorprendido. Era unha novela do século XIX, pero falaba de paisaxes, de xentes, de sucedidos e miserias cheos de vida. Cos anos, seguín tirando do fío de dona Emilia para ir lendo as súas obras mais ou menos completas. Nunca serán completas porque non pasa un ano sen que se redescubra un artigo ou un conto perdido nalgunha revista ou xornal, pois dona Emilia foi unha autora extraordinariamente prolífica.

    Sentín sempre moita envexa pola devoción, o rigor e a frivolidade (todo xunto) con que os irlandeses usan os seus escritores como elementos de identidade, de festa e de cultura. Non é que outras nacións –Francia, Italia, Austria...– non festexen os seus escritores e artistas, pero no caso irlandés trátase dunha paixón difícil de igualar.

    Por todo o país hai celebracións, recitais, camisetas, bibliotecas, xogos de té, postais, libros e monumentos dedicados a Joyce, a Oscar Wilde, a Yeats, a Swift, a Bernard Shaw, a Beckett... Non disputan por se foron mais conservadores ou mais progresistas. Tampouco por se escribiron en inglés ou en gaélico.

    Ou se eran católicos fervorosos ou descreídos: son, simplemente, unha parte valiosa e representativa do país. E aproveitan a oportunidade de convertilos en iconos e referencias da vida común e tamén en atractivos turísticos.

    Agora, en Galicia, fálase do destino das Torres de Meirás, que dona Emilia mandou construir e onde ainda está parte da súa biblioteca. E enarboran a memoria democrática para xustificar un uso inconcreto e gris. Resulta curioso que os que puxeron tanto interese en sacar o dictador da sua horrenda e apartada sepultura –El Valle de los Caídos– pretendan maldecilo agora nun edificio histórico con coidados xardíns e a un paso das praias.

    O futuro das Torres é unha ocasión para promover a memoria e estudar a obra de dona Emilia, que foi unha muller libre, creativa, contradictoria, liberal e conservadora a un tempo, católica e feminista, interesada polas vangardas, observadora da sociedade, polemista arriscada e, porriba de todo, extraordinaria escritora. Comparar a utilidade social, intelectual e simbólica deste uso das Torres con calquera outro ofende o sentido común. Hai que ser moi franquista para preferir outras alternativas.

    22 dic 2020 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito