Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dante e a ‘Divina Comedia’

    TODOS sabemos a importancia da Divina Comedia e coñecemos tamén a enorme cantidade de estudos feitos sobre ela por especialistas, non só da obra de conxunto, senón tamén dun cantar, dun canto, incluso dun verso ou dunha palabra –nada orixinal, xa que logo, se podería dicir nunha columna como as nosas–.

    Nesta e noutras semellantes e a modo de difusión para os interesados, faremos só algunhas consideracións, polo menos durante este ano dedicado a Dante. Empezaremos por un deseño xeral para seguir logo polas fases do proxecto, a elaboración, a estrutura, etc. sen descoidar a razón do título, obxectivos fundamentais, revisando en particular os tres cantares: Inferno, Purgatorio e Paraíso.

    A Divina Comedia non é só a obra mestra de Dante, senón unha das máis representativas da literatura italiana e universal. É unha obra complexa porque é unha especie de enciclopedia que engloba gran parte da cultura medieval e ao mesmo tempo apaixonante pola súa grandiosidade e orixinalidade.

    A Divina Comedia é unha obra sen época que non só representa o pensamento medieval que conclúe, senón que nos prepara para o gran cambio que se vai producir na Idade Moderna: péchase un período, pero iníciase outro –Dante foi un home tan culto que preveu certos feitos que logo se produciron, por exemplo, a importancia das linguas romances, moi flexibles, fronte ao latín, que quedou só como lingua da igrexa, para a teoloxía, ou para o dereito–.

    O poeta florentino quixo demostrar que as linguas maternas do pobo, aquelas que non se consideraban de categoría, serven perfectamente para facer unha obra literaria. Foi por iso, entre outras, a razón pola que Dante escribiu a Divina Comedia en italiano, esa lingua común que os cultos tanto desprezaban. Non é nada estraño, xa que logo, que o poeta fora considerado o pai da lingua italiana. E así seguirá sendo no futuro.

    Non se pode obviar que a Divina Comedia é unha obra literaria de carácter unitario, polo cal cada un dos seus aspectos deben tratarse necesariamente postos en contacto con todos os demais.

    Temos que ter en conta algo moi fundamental: antes de aproximarse á obra, é necesario acercarse a cultura e a ideoloxía do poeta porque, necesariamente, hai que coñecer o espazo que lle corresponde e o lugar que ocupa; en certo sentido a Divina Comedia é o cume de todas elas.

    Dante enriquece e actualiza todo o tratado anteriormente nas outras, pero se hai unha cousa que non podemos esquecer nunca é o feito de que si se pode facer unha tradución literal, ninguén o dubida, pero isto non chega en absoluto porque non é suficiente para permitirnos chegar a comprender un pensamento tan profundo como o de Dante.

    En resumo, podemos afirmar con rotundidade que foron e seguirán sendo moi necesarias e moi útiles unhas boas edicións críticas para achegarnos ao pensamento do gran poeta florentino, o que quere dicir que só desa maneira comprenderemos a súa magnitude.

    26 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito