Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dante e a política

    DEDICARSE á política na Idade Media non tiña nada que ver co que sucede hoxe. Daquela a política non era unha profesión, non era o único medio de vida. No medioevo, todos os cidadáns, se tiñan ganas e tempo, podían dedicarse ao exercicio da súa profesión, calquera que esta fose, e simultaneamente á política.

    Se pensamos que en Florencia había arredor de 700 consellos que se renovaban cada seis meses, dámonos conta da cantidade de cidadáns que, dun modo ou doutro, ían gobernando alternativamente a cidade.

    Había 6 priori delle Arti, artesáns, e un xuíz gonfaloniere di giustizia, para defender os dereitos do pobo e evitar a concentración de poder nas mesmas mans.

    Temos moitos documentos que testemuñan a dedicación activa de Dante á po-lítica cidadán durante os anos 1295-1301, ou tal vez
    un pouco antes (a súa intervención pública foi no mes de marzo do 1295).

    Todos sabemos que nese momento en Florencia había dous grandes partidos: güelfos, feles á autoridade do papa, e xibelinos, defensores da primacía política do emperador. Ambos partidos, fortemente enfrontados, compartían alternativamente o poder. Dentro dos primeiros había dúas faccións, os Bianchi, algo máis moderados, e os Neri, pero tantos uns coma outros estaban dispostos a pactar cos xibelinos cando lles conviña.

    Dante, que era un home de partido, foi sempre güelfo branco, e así seguiu ata o momento en que foi traizoado incluso polos seus compañeiros, que se revolveron contra el cun comportamento cruel e ingrato e o abandonaron, como el mesmo recoñece na Divina Comedia: “sarà la compagnia malvagia e scempia” (Pad. XVII, 62).

    Decepcionado coas actuacións dos papas (sobre todo de Bonifacio VIII, ao que detestaba e que foi sempre a súa besta negra e para vingarse colocounos no Inferno, xunto cos simoníacos, avaros e sempre ávidos de riqueza.

    Dante nunca foi un político do montón, senón todo o contrario; participou na política florentina moi activamente. En efecto, no ano 1300, un ano horrible para o poeta, chegou a ocupar o cargo de Priore, máxima autoridade do goberno da cidade.

    Como un mozo calquera do seu tempo, que ía á guerra cando a patria o requiría, participou intensamente na batalla de Campaldino; seguramente non loitou en primeira liña, a dos feditori sinxelamente porque non era un nobre, pero si o fixo activamente contra os xibelinos que nese momento foron derrotados.

    En honor á verdade e aínda que nos pese, vendo que a súa condena sería inminente, Dante veuse obrigado a unirse ao bando contrario. Está documentado que durante algún momento xuntouse cos xibelinos. E, ás veces, por non ter outro medio de vida, tamén el tivo que “sporcandosi le mani”, e practicar a usura, como xa fixeran os seus antepasados, por exemplo, o pai, que prestaba cartos con usura.

    Dante quizais se refería a este feito nos dous primeiros versos da Divina Comedia: “Nel mezzo del camin di nostra vita / mi ritrovai per una selva oscura” –estamos falando do mes de marzo do 1300–, e xa daquela tivera manchadas as mans, e a “selva oscura” non sexa outra cousa senón a escuridade da súa ánima por ter feito algunhas cousas pouco dignas.

    20 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito