Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

De Ayamonte a Tui e de Caminha a Vila-Real

    Fronte a aquela falacia de que España é a nación máis antiga de Europa, si que podemos soster que a fronteira que vai desde o Miño ata o Guadiana é a divisoria estable máis vedraña do continente. E abundando, a segunda máis longa entre dos países europeos tras a que segue á de Noruega e Suecia (as de Rusia a banda).

    Unha fronteira que foi establecida na Idade Media e que apenas resultou modificada polas guerras. Unha divisoria que desde a perspectiva dos portugueses, sempre marcaba distancias verbo daquel veciño abusón que para eles sempre foi Castela primeiro, e España despois.

    Unha división que desde as instancias gobernativas das respectivas capitais, foi reforzada nas mentalidades nacionais respectivas de maneira que quen estaba no outro lado resultase un estraño, aínda que fose semellante. Paradoxalmente, as terras que quedaban a banda e banda da fronteira nunca foron territorios que puidesen presumir de superioridade verbo da outra banda e tanto por razóns xeográficas coma demográficas, hoxe constitúen un espazo baleiro.

    Mostra desa indiferenza verbo das xentes do outro lado é a anécdota que me explicaba o meu amigo Xavier Moral, cando estando nun punto español desa fronteira, comentou que falaba portugués (fixo de intérprete nunha visita de Pujol a Lisboa) e o paisano interlocutor preguntoulle “se falaba iso”. Nunha liña semellante, Gabriel Magalhães, profesor portugués namorado de España e da súa pluralidade, comentou que algúns dos seus compañeiros de carreira que na universidade de Salamanca estudaron tamén portugués, anos despois tiveron traballo no ensino público en terras estremeñas grazas a tal competencia.

    Ese conxunto de terras que conviven desde hai séculos nunha mesma paisaxe pero en países distintos ven de ser descrito, a maneira de tour amable, por José Ramón Alonso de la Torre en Un viaje por la Raya (El Paseo). Este profesor e xornalista cacereño viviu en cinco das sete provincias españolas que tocan con Portugal. O seu traballo fuxe dos tópicos turísticos e tenta describir como uns e outros, a cada lado da Raia –sexa esta húmida ou seca- se viron e se ven.

    Unha primeira constatación é a indiferenza secular española cara a Portugal, proba do cal é que o número de pontes internacionais foi limitado ata a apertura do de Ayamonte e os do Miño augas enriba de Tui-Valença). Unha indiferenza que resulta estraña se imos con coche desde Salamanca e chegamos á antiga fronteira de Fuentes de Oñoro-Vilar Formoso, cuxo lado español estaba presidido aínda hai uns poucos anos pola aguia franquista. Un bloque gris que segue a impoñer pero que resulta facilmente evitable se uns poucos quilómetros antes collemos unha carreteira local para ir a Almeida, sen atrancos de ningunha clase.

    Unha desidia, a española (os portugueses sempre fixeron o que puideron), que limitou as comunicacións ferroviarias, pechando incluso algunhas liñas. Así, a reconversión do traxecto Vigo-Porto ao chamado “Comboio Celta”, que sempre estivo atendido pola compañía ferroviaria portuguesa, nunca por RENFE. Ou a decadencia dos míticos “Lusitania Exprés” e “Sud Express” (Lisboa-París), xa descrito por Eça de Queirós en A cidade e as serras.

    Bo coñecedor das terras de fronteira, José Ramón Alonso observa que despois de séculos de desconfianza entre as elites de Madrid e Lisboa –o que conduciu a un abandono das periferias-, o estado das autonomías recuperou as relacións coa zona portuguesa correspondente (especialmente en Galicia e Estremadura). Tamén axudou á fluidez de relacións o borrado de fronteiras que supuxo Schengen, producindo espazos comúns en forma de eurocidades. Non chegou o soño dos iberistas (antídoto contra aquel chovinismo de pobres) pero se avanzou.

    José Ramón Alonso tamén sinala o risco dun turismo do ensimesmamento por parte dos españois que faga de Portugal –e moi especialmente das súas terras de fronteira- un parque temático que troque os seus costumes aos gustos dos visitantes (velaí o consumo masivo de marisco no Alentejo por parte dos estremeños). Unha boa guía se queremos coñecer mellor aos nosos veciños, que no fondo é a mellor maneira de coñecermos nós mesmos.

    Joaquim Ventura

    22 jun 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito