Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“De ciencia e medicina todo o mundo opina”

    NESTE país de pandeireta, na que certos políticos presumen de mestrados e de títulos conseguidos de forma eticamente incorrecta, pénsase que sempre que unha persoa alcanza un título debe ser desa maneira, e porque os 10 anos de ensino non obrigatorio no que tivo que traballar a reo para conseguir un doutoramento, é dicir, para obter o título que oficialmente a capacita para investigar, é un tempo no que só se dedicou a divertirse e vivir folgadamente... Como me dicía meu pai, labrador: “Traballar ti? Se estás sentada todo o día... Traballo o meu! Que estou rebentado cando chega a noite”.

    Son estas ideas erróneas as responsables de que unha boa parte da poboación sexa tan irrespectuosa e irreverente coas investigadoras e cos investigadores?

    Para a maioría destes titulados e tituladas a vida é unha carreira de fondo, fillos de descoñecidos, que non expósitos, para chegar a ter un traballo axustado aos coñecementos adquiridos necesitan traballar todas as horas do mundo e sacrificar moita vida familiar e persoal.

    Só uns poucos son capaces de chegar ao mesmo lugar sen precisar dese esforzo e polos seus propios méritos. Teoricamente hai igualdade de oportunidades, a valoración dos méritos de cada quen é xusta, é dicir, todo o mundo pode ir á universidade e ter as mesmas posibilidades; pero cada vez é maior o alumnado universitario que necesita simultanear estudos e traballo. Igualdade de oportunidades... Quen? Onde?

    Enténdese porque resulta ofensivo para eses profesionais que a maior parte da poboación se considere científica, investigadora ou especialista en calquera tema novidoso (do que apareza información en internet) intentando impoñer publicamente con total dogmatismo as súas opinións, cando a ciencia é precisamente antidogmática?

    Para ver que non esaxero, algúns exemplos. Desde que a covid-19 se instalou entre nós fomos quen de ver a proliferación de inmunólogos e virólogos por todo o país, que ata se atreven a valorar a eficacia das vacinas, e, agora co volcán de La Palma, apareceron debaixo das pedras xeólogos e vulcanólogos...

    Esta situación non é nova, aínda que antes pasara inadvertida e se fixese evidente agora. De sempre me resultou curioso que aos apreciadores de viños se lles chame enófilos e só se lles dea a categoría de enólogos aos asesores, técnicos, investigadores responsables de dirixir os procesos de elaboración do viño, mentres se confunde ecoloxista e ecolóxico con ecólogo e ecoloxía, micólogos, con afeccionados a comer cogomelos, ornitólogos, con observador de paxaros, e así sucesivamente.

    Con internet, faise cada vez máis real o dito popular: “de ciencia e medicina todo o mundo opina”. Pero, pódese afirmar, sen temor a errar, que un país só é democraticamente maduro e responsable cando os seus habitantes teñan ideas propias, sexan autocríticos, saiban valorar e respectar aos seus investigadoras/es e cando os intrusos sexan controlados da mesma maneira que, na caza e na pesca, o son os furtivos.

    17 dic 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito