Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

De maior quero ser médico

    XA hai tempo que quedou lonxe aquelo de que as nenas querían ser princesiñas e os nenos heroes, e menos mal porque iso quere dicir que os cativos e as cativas xa saben dende ben pequenos que poden desenvolver moitas funcións nesta vida máis alá de ideas fantasiosas. Que non digo eu que se queres ser algún destes personaxes que o sexas, aínda que non sei moi ben cal é a formación para tal cometido. O caso é que nestes tempos nos que tanto falamos de heroes, homes e mulleres, igual descubrimos de maiores que hai xente que elixe camiños e loita por percorrelos ata o final sen máis fantasía que unha realidade, ser o que queren ser.

    Xa antes desta pandemia que nos asolaga, creo que dende que empecei a razoar, me preguntaba moitas veces como decidía unha persoa exercer a medicina, con esa responsabilidade coa vida dos demais. Estou pensando moito de novo nesa cuestión e, sobre todo, con respecto aos máis novos. Teño a impresión de que este recoñecemento aos sanitarios, que xurdiu espontáneamente e que lle está dando unha visibilidade que quizais antes non tiveran, vai influír nas decisións de futuro dos que aínda teñen o seu camiño por determinar.

    Non creo que antes non se valorara a estes profesionais, pero o que está pasando a raíz dunha enfermidade que puxo ao límite á sanidade é que os médicos estanse metendo sen querer nas casas e nas vidas de nenos e nenas que antes só pensaban neles como esa persoa á que non lle gusta nada visitar.

    Hai quen pensa que todo isto quedará no esquecemento co tempo, e pode que sexa así en apariencia, pero a mente humana din que é marabillosa. Poderían analizalo mellor os expertos en psicoloxía, pero penso que algo ha quedar no subconsciente dos meniños que están a vivir isto e que calquera día van dicir iso de “de maior quero ser médico”.

    Haberá que estar atentos nos vindeiros anos ás solicitudes nas facultades de Medicina, Enfermeiría, e estudos relacionados, para ver se sobe a demanda. Haberá que agardar tempo para saber o que soñaba esta noite a nosa xuventude, se con heroes e princesas de conto ou con historias de verdade.

    05 may 2020 / 23:33
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.