Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

De ratas e de facas: comunidade e deseño no barrio de San Pedro

Dun confinamento en poucos metros cadrados e das ganas de reconectar coa cidade nace Ratas con Faca, a tenda de Sonia Gondasegui e Daniel Pino. Descartado pagar alugueiros “de guiris” por unha casa máis grande, decirdiron facerse cun espazo onde poder dedicarse ás súas actividades creativas, un local a pé de rúa onde acoller, ao mesmo tempo, proxectos alleos. Así xorde Ratas con faca, unha sorte de laboratorio e unha tenda-taller. O sentido do nome non é máis que unha broma interna, a de ser dúas ratiñas currantes nun espazo hipercomprimido. A súa arma, a faca, os seus útiles de traballo: lapis e ferramentas. Porque como di Sonia, eles son moi abertos e algo punkis. E iso tiña que estar aí.

As súas vidas foron por moitos camiños antes de chocar en Santiago. Daniel estudou Belas Artes, viviu en México e Barcelona, traballou como freelance e especializouse en deseño e edición. Agora traballa como técnico de marketing, ademais de maquetar a revista Tempos Novos. Sonia licenciouse en Deseño Industrial en Ferrol e nun posgrado de Deseño Mobiliario en Barcelona. Conta que chegou un momento no que a súa inquietude levouna a buscar unha formación máis vernácula, de oficio, “de traballar coas mans, empaparse e mancharse”. Voltou a Santiago a estudar Deseño de Xoias na Mestre Mateo, e rematou en Berlín, nunha start-up de xoiería por impresión 3D. Hoxe é deseñadora de produto, cores, materiais e texturas.

No transcurso das súas carreiras profesionais, ambos sentiron diluírse a súa relación co mundo exterior. “Porque a vida é así, perdes esa conexión cos círculos que tes cando es máis novo, esas ganas de moverte”, din. A tenda nace tamén coa declaración de reconectar, tecer unha rede de contactos e colaboracións. Máis que facer algo nunca visto, explican, buscaban ser unha peza máis dentro da cadea de proxectos xeniais que hai na cidade.

E na esencia, dáse outro elemento para nada fortuíto: o espazo no que se desenvolven, a unidade mínima. O barrio. Se entendemos o barrio como fronte cultural é porque mana de nós esa necesidade de participar da súa vida e actividades, de profundar os vínculos coa xente que nos rodea: fronte ao individualismo feroz, o barrio maniféstase como a nosa comunidade.

Situada en San Pedro, Ratas con faca é unha tenda de barrio no sentido máis literal da palabra. “Porque a nós mércannos avoas, avós, nais e netos. Sorprendeunos e gustounos. Por que ten que ter esta denominación só a mercería do barrio?”, puntualiza Pino. “Nós mesmos tivemos prexuízos naturais cando abrimos. Pensabamos que o cliente ía ser máis novo, xente da escola de arte. Tamén o hai, pero sobre todo é xente maior, que aprecia cousas que, a priori, non están dirixidas ao seu target”, engade. Pero a apertura deste tipo de negocios no barrio tamén supón certas contradicións. “Sempre tivemos algo de medo ao concepto de xentrificación, porque o último que queríamos era desprazar as necesidades da xente que vive aquí. Coidalos e apoialos era esencial. Tamén apoiar localmente á xente que está creando”, aclara Sonia. E sendo conscientes, sinala Daniel, de que criticar a xentrifricación non salva a un de formar parte dela. “A decisión de estar en San Pedro, a parte de que vivimos aquí e sentímonos parte, é que aquí están pasando cousas, cousas que teñen que ver con este fenómeno. Hai que facer unha dobre lectura. Queremos ser parte dunha cousa, pero ao mesmo tempo somos da outra”, di.

No seu espazo atópanse ilustracións das artistas Carmen Seijas, Iria Fafián, Laura Mahía e Tayone; xoias da colección galega Gorda, ou mesmo viño -Montepío-, dunha adega moi pequena das Rías Baixas, e para a que Daniel diseña etiquetas—. As colaboracións, din, poden ser calquera cousa susceptible de ter deseño. A tenda abre venres e sábados, para todo aquel que queira desfrutar da cultura a pé de rúa.

25 jul 2021 / 02:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito