Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 10 agosto 2022
20:30
h

Dereitos e deberes cos montes galegos

    OS incendios abrasan Galicia e unha das desculpas que se poñen para a deficiente xestión dos montes é que son propiedade privada e que os propietarios queren obter diñeiro deles. Calquera é capaz de comprer isto: pagar impostos e non quitar rendimento parece absurdo, pero... se un de nós ten un solar en calquera cidade e quere construir nel un rañaceos, que lle aportaría rentabilidade, podería facelo se non houbese lexislación, así que só vai poder facer aquilo que o concello lle autorice no seu PXOU.

    Se hoxendía ninguén se plantexa problema algún por iso, por que si o fan co monte? Outra vez a demagoxia!

    Un propietario non debería poder plantar o que quere, nin aproveitar o monte como quere, nin deixar de limpalo e xestionalo... Contornar a lei para plantar hectáreas e hectáreas de monocultivos non é o que se debe permitir. Xa no ano 1989, apoiada por unhas 50 000 asinaturas, foi presentada ao parlamento galego unha “iniciativa popular” para elaborar unha lexislación axeitada á xestión e conservación do monte galego, que foi rexeitada pola maioría do PP.

    Na Galicia litoral plántanse case exclusivamente eucaliptos, que pola casca arden facilmente ata chegar as copas, onde filodios duros e secos axudan a espallar o incendio e envían muxicas a quilómetros de distancia e as sementes pirófilas tamén se espallan ben co incendio. Non son moito mellor os piñeiros que se extenden no interior, tamén arden ben, axudado polas resinas e as follas aciculares e, por se fora pouco, o lume na pinocha fica a unha profundidade maior, aguanta encendido cando parece apagado.

    Por iso, ollo coas plantacións extensivas de monocultivos, eucalipto ou piñeiro, sen intercalar o que se deu en chamar «cortalumes verdes», é dicir, o que se fixo toda a vida, intercalar bosquetes de carballos ou de castiñeiros e conservar os bosques de ribeira para que paren o lume cando chega desbocado. Tamén é importante deixar pequenas zonas “de reserva integral” para conservar a biodiversidade, pero mantendo limpa o resto (roza, gando...) co fin de diminuir a biomasa arbustiva que só contribue a aumentar a forza do incencio e a formar pirocúmulos. Unha palabra que, infelizmente, desde este ano vai resultar familiar en Galicia.

    Un pirocúmulo é unha nube apiculada, que se eleva a grande altura, xerada por unha corrente ascendente de ar a grandes temperaturas, alimentada polo propio lume, que arrastra a auga evaporada do incendio e gran número de restos da biomasa ardida. As súas consecuencias son catastróficas. Poden provocar o descenso en forma de tormenta, de choiva ou, ao alcanzar as capas frías, caer e implosionar provocando perigosos radios de fogo que axudan a extender o incendio e que poden ser a causa da formación de novos focos na contorna.

    Urxe unha lexislación adecuada ao territorio, á conservación da diversidade e ao cambio climático “acelerado” que os humanos axudamos a aumentar cada día. Por todos os medios hai que evitar xa situacións como as de este ano, senón a verde Galicia será a negra Galicia!

    06 ago 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.