Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dereitos sindicais e Covid-19

    Este Primeiro de Maio non se realizaron manifestacións na Galiza, como na maior parte dos países do mundo, para conmemorar as loitas históricas da clase traballadora e reivindicar a xustiza social. Foi así por mor da pandemia do Covid-19. Esta situación deuse no noso país por vez primeira dende 1978, xa que nos anos anteriores a esta data houbo concentracións e mobilizacións que nalgunhas cidades foron disolvidas pola policía, tanto durante a etapa pos-franquista como no primeiro período do governo de Adolfo Suárez.

    Que non se poda realizar a manifestación do Día Internacional da Clase Traballadora non só resta medios para unha mellor defensa dos dereitos laborais básicos, como son a loita contra o desemprego, a precariedade, os baixos salarios, os falsos autónomos/as,... senón que se dá nun intre no que a pandemia está sendo aproveitada por parte de sectores da patronal para todo tipo de arbitrariedades (despedimentos improcedentes, seguir a traballar mentres en período do ERTE, a falta de protección acaida nos traballo contra o Covid-19...), porén ademais estase demorando o cobro dos ERTEs, e a tramitación das prestacións de desemprego.

    Sen dúbida, contribúe a agravar o problema que non se reforzase a inspección de traballo, a falta de persoal nas oficinas de emprego, e a invernación dos xulgados que tratan os litixios laborais. Tampouco se pode obviar que non se puxeron mecanismos alternativos, nen se tivo en conta a situación especifica do mundo do traballo, por parte do governo central e da Xunta de Galiza. Só se pensou no traballo como garante da produción, dos beneficios empresariais. Daquela que tivese un importante valor simbólico que a CIG realizase o pasado xoves 23 concentracións en todas as cidades galegas para denunciar estas eivas e as limitacións en dereitos que son fundamentais.

    Nestas concentracións o secretario xeral da central nacionalista denunciou que “as medidas aprobadas dende o decreto de estado de alarma “son inxustas e insuficientes”, están a provocar un regueiro de despedimentos e ERTEs, e afondan na precariedade dos colectivos laborais máis vulnerábeis (como os empregados e empregadas eventuais ou con contrato a través de ETTs)”. En varias cidades fíxose identificación dos concentrados. Unha actitude ben diferente á que se mantén cando se trata de concentracións de sanitarios, bombeiros e outros servizos (que merecen o máximo recoñecemento pola súa laboura). Agora ben, está actitude distinta: será porque neste caso criticanse as medidas do Governo ou a carencia delas? Acaso as centrais sindicais non son organizacións esenciais do sistema democrático?... Ou só o son cando interesa?...

    Estas non son cuestións secundarias, máxime cando segundo o FMI a economía do Estado español (EE) caerá este ano un 8% e o desemprego atinxirá o 20,8% por mor do Covid-19. Son dados preocupantes se temos en consideración que había unha expectativa de que o PIB medrase este ano arredor do 1,6% e a taxa de paro era do 13,9% a finais do 2019. Os prognósticos para o resto dos países da eurozona son moi semellantes. Na mesma liña a OMC destaca unha caída do comercio internacional para este ano, de entre o 13% e o 32%, unha banda moi larga que amosa as incertezas sobre a evolución do virus e seus efectos sobre a mobilidade de mercadorías e persoas.

    Con estas expectativas calquera governo democrático debería, como mínimo, garantir que os comités de empresa se puidesen reunir coa mesma normalidade coa que se realiza o traballo produtivo; e que as centrais sindicais podan realizar a súa función de protección da clase traballadora e reivindicativa (e mesmo ter, como nalgúns países, un espazo nos medios públicos). O governo pode consultar e ter un trato privilexiado con CCOO e UGT, porén estas centrais non constitúen todo o abano sindical, e ademais tanto ELA como a CIG son “centrais sindicais máis representativas” segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical (algo que se lle esqueceu tanto ao PSOE como a UP). Ademais, en nacionalidades como Euskadi e Galiza, ningunha delas é a central máis representativa; no noso país están tanto CCOO como UGT cinco puntos por debaixo da CIG en representación nas últimas eleccións sindicais.

    Os anteriores son aspectos democráticos fundamentais, máxime cando están en xogo como se van repartir os custes da crise, e isto afecta dun xeito transcendental tanto ás clases sociais como ás nacións que integran o Estado español. Polo que, querer repetir un novo Pacto da Moncloa non é precisamente un modelo a prol da xustiza social e dun reparto equilibrado entre nacionalidades da renda e do emprego, tal como se constata coa caída da participación da clase traballadora no PIB, e co retroceso demográfico e na renda total por parte da nación galega.

    Manuel Mera (https://obloguedemera.wordpress.com/)

    09 may 2020 / 01:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito