Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 febrero 2023
18:55
h

Desencanto nupcial

    AO sociólogo J. F. Tezanos poñémolo a pingar por mor e dor das moitas rodas de muíño que nos dá a engulir desde o seu CIS para gloria de Pedro Sánchez. Pero eu véxoo con menos rigor porque atopo neste home un non sei que de literario, de personaxe un algo borgiano cuxo traballo é destruír a realidade e converter un home en sombra. Ou sexa, Feijoo. Nesta paixón ferven as ministras, as vicepresidentas e mais o presidente do CIS ciscador, que é un idólatra o PSOE (léanse os seus traballos sociolóxicos dos anos 80), e ten feito un relato mítico deste partido que comeza naquel día 2 de maio de 1879, día da súa “fundación tabernaria”. Unha sublimación homérica que nos permite entender a mística militante de Tezanos e a súa chegada ao oráculo de Delfos do CIS como sibila do Partido Socialista.

    Hai que distinguir estes dous planos: unha cousa é o oráculo e outra cousa e a sibila. A primeira só son as pedras de muíño, o dato e o gato (por lebre) que se nos dá cociñado para que saibamos como temos pensar; pero de seguido vén a sibila a dicir como temos que sentir. Se a enquisa/oráculo me di que Sánchez está uns puntos por riba, penso que Feijoo pode perder as eleccións; pero se de contado aparece a vella sibila/Tezanos sentenciando que a Feijoo “se le acabó la luna de miel”, sinto que se me escachan os soños. O elector pode aguantar a computación pero non atura a desilusión. Por iso non basta o traballo do cociñeiro servíndonos o prato mal fornallado, senón que ten que aparecer a sibila tabernaria para reforzar a doxa (do oráculo) coa paradoxa (da sibila): Feijoo falla en luna de miel. Pasamos dun apurado “efecto Feijoo” a unha precox ejaculatio. E xa se sabe que un candidato que comete desencanto nupcial perde votos.

    Para aniquilar a Feijoo, Sánchez está gastando máis metralla ca Putin, e está armando unha división azul multicolor na que participan desde ministras namoradas até asesoras apaixonadas, entre as que se eleva escarranchada a sibila Tezanos diagnosticándolle a don Alberto luna de miel interrupta. Desde os días da Ditadura de don Miguel Primo de Rivera (por certo: este ano que vén “celebrarase” o seu centenario, e xa poden poñerse as politólogas e pulpitólogos a estudar un pouco o que foi aquela Dictablanda) coa que o PSOE colaborou, non se vira tan nervioso e estremecido ao partido fundado por Pablo Iglesias (o bo) polo medo ao derrube do leviatán salarial edificado por Sánchez.

    Feijoo aínda está a tempo de facer un reflexión sobre se lle convén ter a inspiración dunha sibila. Porque para mandar en Galicia nunca falta a consulta nin o consello dunha meiga, pero para andar por Madrid necesitas alguén que che faga frases ofidias e sibilinas.

    04 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito